Nigrán completa o reparto de máscaras nos núcleos urbanos e inicia o porta a porta nas parroquias

O Concello de Nigrán concluíu esta mañá o reparto de máscaras homologadas para os residentes nos núcleos urbanos de A Ramallosa, Panxón e Nigrán a través de tres postos de Protección Civil instalados no Pavillón, Praza do Concello e Alameda de San Campio. O reparto foi fluído e sen rexistrarse colas. No arrabalde e nas parroquias do interior comezou tamén hoxe a entrega porta a porta grazas á colaboración das entidades veciñais e culturais (será durante toda a semana). O Concello de Nigrán investiu 16.100 € na compra de 22.000 unidades (o padrón reflicte algo menos de 18.000 veciños) e co fin de que esta entrega fose o máis eficiente e rápida posible e que ninguén quedase fora, o reparto artellouse deste xeito.

Así, en Chandebrito colabora a A.V. O Castro e a Comunidade de Montes; en Camos a A.V. A Camoesa e o Centro Cultural; en Priegue a A.V. A Irmandade; en San Pedro a A.V. A Unión e a Asociación Cultural Vencellos de Vilariño; no arrabalde de Panxón, a A.V.Monteferro; no núcleo non urbano de Nigrán o Club Bolos do Ceán; e, en Parada, son os propios concelleiros.

“A primeira remesa que recibimos das adquiridas polo Concello as distribuímos entre os comerciantes para que puidesen abrir os seus negocios en condicións de máxima seguridade. E ao inicio desta crise, cando escaseaban as máscaras, estivemos repartindo as que conseguíamos entre os colectivos máis expostos ao Covid-19 e os que traballaban cos sectores máis vulnerables, como residencias de anciáns, coidadoras a domicilio, centros de saúde, taxistas, tendas de alimentación… esta adquisición masiva non foi sinxela pero ao fin están aquí para distribuír entre toda a poboación”, conclúe González.