Baiona presenta a exposición “Miradas en Igualdade”

Dende que se declarou o estado de alarma, todas as actividades programadas dentro da Primavera Lila víronse afectadas e moitas tiveron que cancelarse. Dende a Concellería de igualdade de Baiona, a pesares desta crise seguen traballando en todo canto sexa posible para levar adiante dita programación. “Grazas ás redes sociais e ás novas tecnoloxías podemos levar adiante accións que poñen en valor a figura da muller en diferentes eidos”, destaca Yasmina Moreira.

O pasado 31 de marzo comezaban coas actividades online, facendo a presentación da ampliación do Punto de interese feminista da Biblioteca coa colaboración da escritora e docente de Baiona Iria Misa. Nese vídeo facíase un chamado a toda á xente que quixera colaborar coa lectura dunha peza literaria escrita por unha muller, só tiñan que gravar un vídeo facendo a lectura e remitilo á Concellería de Igualdade. Estas pezas de menos de dous minutos poden verse na páxina de Facebook da Concellería e tamén no perfil do Instagram (@IgualdadeBaiona).

Hoxe presentan a exposición colectiva “Miradas en Igualdade”, comisariada por Irene Silva, que tamén forma parte da mostra. Esta exposición ten como obxectivo amosar a mirada de 4 artistas, a interpretación do mundo a través da linguaxe que elas escollen para transmitilo. Contan coa deseñadora gráfica Olalla Fernández; a fotógrafa e videógrafa Cristina Grande; a pintora Lourdes Alonso e a artista plástica Irene Silva. “Grazas ás plataformas virtuais poderemos desfrutar desta mostra con total seguridade dende as nosas casas. É un luxo poder achegarse á ollada destas 4 mulleres e todo un orgullo contar con elas para levar adiante proxectos coma estes. Esperamos que algún día poidamos ter a posibilidade de desfrutar da mostra en vivo e en directo”, sinala a concelleira.

Ademais destas accións de visualización do papel das mulleres en diversos eidos, dende a área de Igualdade e a través do CIM, segue a traballarse na atención ás mulleres, de xeito telemático e presencial en caso de urxencia.

Este novo escenario de incerteza tamén nos obriga a reformular todas as accións que dende esta área se levan a cabo como son a formación, puntos de información, eventos, etc. “Son tempos difíciles e de cambios que esperemos poder salvar o mellor posible”, conclúe Yasmina Moreira.