Donis Fernández, Pedro Fernández e David González proclámanse campións galegos

O pavillón municipal de Santa Isabel en Santiago de Compostela acolleu este sábado o Campionato Galego de Loitas Olímpicas (categorías júnior e escolar) e o Campionato Galego de Grappling-Gi, organizado pola Federación Galega de Loita en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, cun total de 190 inscricións para ambos campionatos.

O Club de Loita Sabarís obtivo o segundo posto por equipos na categoría escolar loita libre olímpica, e o terceiro en loita grecorromana. Donis Fernández proclamouse campión galego en loita libre olímpica e grecorromana 41 kg escolar. Pedro Fernández conseguiu o campionato galego na categoría escolar 44 kg en ambas as dúas modalidades, loita libre olímpica e grecorromana. Na categoría júnior, David González logrou a medalla de ouro nas modalidades grecorromana e libre olímpica 65 kg.

Este campionato foi o primeiro filtro para seleccionar os deportistas que acudirán aos Campionatos de España representando a Galicia para este ano 2022. Santiago de Compostela será a sede do Campionato de España máis numeroso para este ano 2022: Campionatos de España U-15, U-17 e U-23, no mes de marzo. Os Campionatos de España de Grappling-Gi serán en Sevilla a finais de febreiro.