A Xunta envía 24.235 novas unidades de material de protección aos catorce concellos da área de Vigo

A Xunta, a través da Delegación Territorial de Vigo, vén de incrementar as unidades de protección enviadas aos catorce concellos da área territorial cun novo envío que suma 12.246 máscaras cirúrxicas, 11.800 luvas e 189 traxes antisalpicaduras, asemade de diverso material de limpeza e desinfección como botes de xel hidroalcohólico ou lixivia.

Os criterios de reparto aos concellos, como xa se ten dito en innumerables ocasións, foron acordados e pactados pola Federación Galega de Municipios e Provincias. A Xunta de Galicia durante todo este tempo, especialmente desde que se decretou o Estado de Alarma, non deixou de comprar material de protección que xa repartiu ao 100% dos concellos da área viguesa.

Concretamente, neste último enviáronse ao Concello de Vigo 7.746 máscaras, 7.500 luvas e 123 traxes.

En conxunto, a día de hoxe, achegáronse desde o inicio do reparto aos catorce concellos da área 91.800 luvas, 51.898 máscaras, 1.534 traxes antisalpicaduras, 470 batas e diversos produtos de desinfección (274 botes de xel hidroalcohólico, 48 garrafas de desinfectante e 224 unidades de lixivia. No conxunto provincial contabilízanse 358.897 unidades entregadas.

No que respecta ao Concello de Vigo, ata o de agora enviáronse 83.976 unidades de material de protección en conxunto na cidade; 30.984 máscaras, 52.500 luvas e 492 traxes.

O material, segundo as informacións facilitadas polos propios municipios, está sendo destinado aos concellos máis para o seu uso, principalmente, no Servizo de Axuda no Fogar e en Protección Civil.

A Administración autonómica reitera que todo o material entregado, cumpre estritamente co procedemento do Ministerio de Sanidade con respecto ao seu uso, foi inspeccionado e está en perfectas condicións para poder ser usado.