Baiona colabora cos centros escolares achegando as tarefas ao alumnado que o precisa

O Concello de Baiona está a colaborar cos distintos colexios do municipio na labor de facer chegar as tarefas escolares ao alumnado que o precisa “seguindo sempre os criterios marcados polos titores e titoras”.

Son os centros escolares, explica o Goberno local, “os que fan chegar á Concellería de Educación o material de cada alumno para que, posteriormente, sexan tanto a Policía Local coma Protección Civil do Val Miñor os encargados de achegalos aos domicilios”.

En todo caso, explica o alcalde de Baiona, Carlos Gómez “son os centros escolares e máis concretamente os titores e titoras, os que coñecen as necesidades concretas de cada un dos nenos e nenas e a nosa tarefa, como administración máis próxima á cidadanía, é simplemente facerlle chegar dito material”.

A entrega do material non queda cinguida aos nenos e nenas que cursan os seus estudos en centros do municipio, senón que tal e como explica o alcalde de Baiona, “tamén se lles proporciona aos alumnos e alumnas, empadroados en Baiona pero que cursan os seus estudos en centros doutros municipios limítrofes”.

Coa colaboración da Policía Local e Protección Civil conséguese que o alumnado que non dispón de medios informáticos ou conexión a internet, poida seguir as tarefas programadas polo centro escolar ao mesmo tempo que todos os seus compañeiros e compañeiras.

“Trátase de que ninguén quede atrás por falta de medios. A nosa obriga é poñernos a disposición dos centros escolares para que os nosos nenos e nenas, dentro da situación atípica que nos tocou vivir, poidan continuar os seus estudos da mellor maneira posible”, conclúe o rexedor local.