A Xunta realizará máis de 100.000 tests a persoas elixidas aleatoriamente

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, informou hoxe ao Consello da Xunta da realización dun estudo estatístico sobre a prevalencia da inmunidade fronte ao COVID-19 na poboación galega. Conta cun orzamento de 1.050.000 euros. O obxectivo deste estudo é coñecer de xeito profundo a pandemia, para poder tomar as medidas sanitarias e de confinamento axeitadas.

Para a elaboración deste estudo, a consellería de Sanidade realizará algo máis de 100.000 test de inmunidade, nunha mostra de galegos e galegas elixidos aleatoriamente. O Instituto Galego de Estatística será o encargado de determinar o tamaño da mostra necesaria para que os resultados sexan representativos por grupos de comarcas e para as sete grandes cidades: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago e Vigo.

Así, ao longo da primeira semana, vaise realizar unha primeira onda da mostraxe con 50.925 persoas e catro semanas despois, ao longo doutra semana, recolleranse mostras a outras 50.925 persoas. A poboación obxecto de investigación son as persoas con tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde. Entre todas elas elixiranse aleatoriamente aos participantes no estudio diferenciados por sexo, idade, grandes concellos e áreas territoriais.

O Sergas encargarase da realización dos test e da recollida de información. O Instituto Galego de Estatística enviará o listado de persoas seleccionadas a cada área sanitaria. Deste xeito, cada centro de saúde terá asignada unha poboación concreta para estudar, coa que contactará telefonicamente para facer unha breve enquisa.

Ás persoas que entren no estudo daráselles unha cita para que acudan ao seu centro de saúde para tomarlles a mostra mediante unha punción dixital para introducir nun medio reactivo que indicará se esta persoa tivo algún tipo de contacto co virus. Nos casos en que a persoa se encontre encamada, o persoal do centro desprazarase ata o seu domicilio.

Os resultados comunicaranse no mesmo día proba mediante unha chamada telefónica co fin de evitar unha espera innecesaria no centro de saúde e quedarán reflectidos na historia médica da persoa. A intención é que este proceso sexa o máis breve posible. Está previsto que o estudo se poña en marcha a finais deste mes de abril.