A compostaxe e as súas vantaxes ao alcance de todos os cidadáns en Gondomar

A “Carpa Revitaliza” instalarase o vindeiro martes, 8 de outubro, na Praza da Paraladela co fin de achegar a todos os cidadáns de Gondomar a importancia que ten a súa implicación na reciclaxe, concretamente a través da compostaxe. Durante toda a mañá, quen se achegue ata ela poderán coñecer as vantaxes deste sistema de tratamento de residuos orgánicos e como poder sumarse a el.

Os cidadáns e as cidadás que se acheguen ata a carpa poderán coñecer de primeira man a compostaxe. Nela, unha “mestra composteira” atenderá as demandas e dúbidas que poida ter calquera respecto a este sistema de reciclaxe, dando a coñecer as súas vantaxes tanto a nivel local como global, así como o labor que ao redor del desenvólvese en Gondomar.

No municipio, cuxo goberno aposta de forma clara pola defensa do medio ambiente, na actualidade funcionan dous composteiros colectivos (situados no centro urbano) dentro do Plan Revitaliza, promovido pola Deputación Provincial. Ambas as dúas instalacións están ao dispor de todos aqueles que non teñen a posibilidade de compostar nos seus domicilios e queren reciclar os seus residuos orgánicos.

Así mesmo o goberno de Gondomar repartiu nos últimos meses preto de 200 composteiros individuais, cantidade que podería ampliarse en preto dun centenar máis nas próximas datas, ao ser moitos os que mostraron o seu interese de facerse cun. Na “Carpa Revitaliza” recolleranse as solicitudes de quen estea interesados nun composteiro, e que na actualidade non dispoñan del na súa vivenda.

Durante toda a mañá repartiranse bolsas de compost e plantas a quen se achegue ata a carpa, así como guías informativas sobre a compostaxe individual.