Sin categoría

Protección Civil Val Miñor leva entregado alimentos a 83 familias e felicitado 42 aniversarios

Os membros de Protección Civil Val Miñor foron activados o pasado 13 de marzo a través do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia. Desde que comezou o estado de alarma, o día 14 de marzo, entregaron alimentos de primeira necesidade a 83 familias e felicitaron 42 aniversarios. Tamén recolleron e entregaron medicamentos a 9 persoas e realizaron 33 servizos a pedimento dos concellos.

Este luns e martes repartiron xunto con Garda Civil e Policía Local preto de 2.500 máscaras hixiénicas no operativo coordinado a través da Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Ao longo deste mes levan atendido 146 chamadas da cidadanía e colaboraron en 8 ocasións coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Durante estas catro semanas de confinamento, Protección Civil Val Miñor reuniuse 12 veces cos concellos e acudiu a 11 chamadas de emerxencia xestionadas a través do 112. Os voluntarios tamén atenderon peticións especiais por parte de veciños para trasladar material sanitario e doazóns a ONG e centros de tempo libre para maiores, en 103 ocasións.

Os vehículos de Protección Civil se desinfectaron en 56 ocasións, e informouse á cidadanía e déronse mensaxes de apoio vía megafonía un total de 16 veces. Abriron servizo ao 112 en máis de 70 ocasións e un longo etc.

“E recibimos a mellor retribución do ano. O sorriso de felicidade dos máis pequenos, o agradecemento das persoas máis necesitadas, as vosas mensaxes de apoio e ánimo, as bágoas de emoción dos anciáns, o coñecer compañeiros de Policía, Garda Civil, GES, 061… cun corazón e compañeirismo extremadamente grande”, destacan desde a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor.

“E sobre todo…. Saber que respondemos… Que estamos aí… Que vos imos a coidar, protexer, animar, facer todo o posible por un Val Miñor máis forte, solidario e protexido. Sempre e agora máis que nunca. Grazas a tod@s por #Quedateencasa. Grazas compañeiros de Protección Civil Val Miñor porque cada día síntome máis e máis orgulloso desta gran familia que formamos. Ánimo a tod@ s”.