Segundo positivo por coronavirus na residencia de tempo libre de Patos

Confirmado un segundo positivo por Covid-19 na residencia de tempo libre de Patos, en Nigrán, habilitada para acoller usuarios sans procedentes das residencias DomusVi Cangas e Barreiro de Vigo. A primeira persoa que presentara síntomas fora illada no propio centro e trasladada posteriormente ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O segundo positivo, un muller tamén procedente da residencia DomusVi Barreiro de Vigo, será devolta a este centro xa que o seu estado non require ingreso hospitalario.

A Xunta trasladou a Nigrán a 21 usuarios sans procedentes das residencias DomusVi Cangas e Barreiro de Vigo despois de realizarlles tres probas, dúas de PCR e unha de anticorpos, con resultado negativo en todas elas. Non se descarta ningunha hipótese sobre o contaxio, aínda que existe a posibilidade de que o período de incubación da enfermidade nesta persoa fose máis prolongado do habitual.

As residencias DomusVi de Cangas e Barreiro foron as dúas primeiras intervidas pola Xunta de Galicia debido ao elevado número de contaxios nas súas instalacións. Segundo os últimos datos actualizados, a residencia de Cangas contabiliza 93 contaxios activos entre usuarios e 17 entre traballadores, e a de Barreiro, 66 e 11, respectivamente. A esa cifra hai que engadir os que faleceron, que nos dous casos rozan a vintena.