Unha empresa de Nigrán idea un dispositivo para abrir portas e pulsar botóns evitando o contacto

Tras o éxito da iniciativa Escudocovid-19 para deseñar e fabricar pantallas protectoras, a Universidade de Vigo, Asime e as empresas da contorna volven poñer en marcha unha iniciativa solidaria para loitar contra a COVID19. Desta volta, ambas institucións da man das empresas Lupeon e Dativic, de Nigrán, e Roviño5 e Akwel Automotive, de Vigo, presentaron este luns LU_Touch, un dispositivo para abrir portas sen contacto directo. O obxectivo é producir 3000 pezas diarias a través dun proceso de modelado e inxección en plástico.

LU_Touch é un útil de apertura e peche de portas e fiestras que permite tamén actuar como pulsador de botóns e interruptores, de xeito que se evita o contacto directo con superficies e se limitan os riscos de contaxio. O dispositivo foi ideado por Lupeon, en colaboración coa súa empresa loxística filial Dativic hai unhas semanas pero, ante a importante demanda recibida, a empresa decidiu sumar forza con outras empresas baixo a coordinación de Asime e a Universidade de Vigo para poder aumentar a súa capacidade produtiva coa meta de poder facer 10.000 entregas solidarias de LU_Touch en toda España.

O dispositivo está pensado especialmente para persoal sanitario e asistencial, corpos e forzas de seguridade do Estado e Servizos Sociais, pero tamén para empresas ou traballadores que o podan necesitar. Conta cun deseño ergonómico que facilita o seu uso con só tres dedos. A zona de agarre está totalmente separada da zona de contacto e ofrece a posibilidade de transportalo colgándoo do pescozo ou da cintura. Os seus creadores destacan que é importante desinfectar cada certo tempo o dispositivo, empregando solucións de alcol 70% ou, no seu defecto, lixivia ou xabón.

Unir forzas para pasar de 400 a 3000 pezas diarias

A idea inicial do LU_Touch naceu en Lupeon e Dativic, compañías ás que se uniron Roviño5, empresa de recoñecido prestixio no sector do molde, e Akwel Automotive, fabricante de equipos-sistemas para a industria do automóbil e vehículos pesados. Roviño5 realizou o deseño e fabricación dun molde con dúas cavidades para a fabricación de LU_Touch mediante inxección de plástico, mentres que o proceso de inxección realízase dende hoxe mesmo na planta de Akwel en Vigo. Esta alianza permite escalar a produción do dispositivo. Das 400 pezas diarias que Lupeon podía producir a través da impresión 3D, pásase a 3000 unidades diarias nos próximos días, o que permitirá repartir de forma solidaria máis de 10.000 pezas por toda España.

Os representantes das empresas e institucións poñen en valor a importancia deste tipo de iniciativas que suman forzas, coñecementos e equipamentos nesta situación excepcional. Así, Enrique Mallón, secretario xeral de Asime, remarca que “seguimos impulsando con toda a nosa determinación iniciativas solidarias para achegar o noso gran de area á loita contra o coronavirus. Esta, en concreto, é de gran relevancia a nivel nacional e incluso internacional pola súa singularidade e pola grande acollida que está tendo en centros sanitarios. Confiamos en que nos próximos días miles de profesionais sanitarios e forzas de seguridade e demais persoal chave poida traballar de forma máis fácil e segura grazas a este dispositivo solidario”.

Por parte da Universidade de Vigo están implicado persoal investigador da Escola de Enxeñería Industrial e do centro de investigación Cintecx-UVigo, que reiteran «a súa colaboración con Asime e o tecido empresarial galego nestas iniciativas solidarias”. Explican que este proxecto é a suma de forzas con diversas empresas que conseguiron nun tempo récord o deseño do molde e a entrada en produción». Así mesmo, dende a UVigo aseguran que con esta acción «intentan devolver o que a sociedade nos dá, aínda que sexan pequenas achegas».

Luis Mandayo, director xeral de Lupeon, lembra que “en Lupeon e Dativic puxemos en marcha a idea e o deseño orixinal desta peza, que naceu hai unhas semanas por impresión 3D. Agora conseguimos dar un paso relevante unindo forzas con outras empresas e organizacións, coas que chegaremos a unha produción de ata 10.000 pezas grazas ao proceso de inxección en plástico”. Pola súa banda, o director xeral de Akwel Automotive, Miguel Barquero, amosouse “moi satisfeito de participar nun proxecto solidario desta magnitude. Logramos industrializar un proceso produtivo en tempo récord, en tan só cinco días, cando o normal son semanas na industria aeronáutica”. Finalmente, dende Roviño5 remarcan a “urxencia da situación e a relevancia deste proxecto leváronnos a sumarnos a esta iniciativa, poñendo toda a nosa capacidade produtiva en deseñar e fabricar un molde en tan só tres días”.

2020-04-13 - lutouch2