O CHUVI participará nun estudo nacional sobre a incidencia do Covid-19 no persoal hospitalario

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) participará no estudo nacional “AMADIICH”, que se pon en marcha para analizar a incidencia do COVID-19 nos profesionais sanitarios e non sanitarios que traballan nos hospitais.

O estudo baséase na utilización da aplicación para smartphones HepiTracker (dispoñible nas app stores de Apple e Google). A App permite aos traballadores rexistrar diariamente nuns segundos unha serie de campos relacionados co seu traballo ou exposición e cos síntomas compatibles con COVID-19, ademais da temperatura corporal, cada mañá. Tamén se introducirán os resultados dos test da PCR para COVID-19, realizados en cada centro.

Cada 24 horas xeraranse informes anónimos e automáticos indicando os grupos con cambios nos síntomas, diagnósticos de sospeita ou confirmación, de forma global e personalizados para cada departamento ou servizo do hospital, así como unha descrición epidemiolóxica.

Os datos enviaranse á xerencia, ao servizo de medicina preventiva e a saúde laboral a través do responsable médico de cada centro. Nos hospitais do CHUVI, Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro, o responsable será o xefe de servizo de Pneumoloxía, Alberto Fernández Villar.

A duración do estudo estímase en 6 meses, ou ben ata a data en que se considere finalizado o actual brote do COVID-19, de producirse este feito prodúcese con anterioridade.

O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, enviou hoxe unha carta a todos os traballadores dos centros hospitalarios do CHUVI, animándolles a participar no estudo.

Cinco complexos hospitalarios en España

Coordinado desde o Hospital da Princesa, o estudo “AMADIICH” (Estudo de Monitoraxe Activa e Determinantes de Infección Incidente de COVID-19 en Poboación Hospitalaria, polas súas siglas en inglés) vaise iniciar de forma inmediata en cinco complexos hospitalarios do Sistema Nacional de Saúde, todos en diferentes zonas xeográficas e en distintas fases de desenvolvemento da pandemia por COVID-19.

Así, na fase alta da pandemia será o Hospital da Princesa; na intermedia, o Hospital ICO-Hospitalet, en Barcelona; e na fase de incidencia baixa, serán o Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo e o Hospital Lucus Augusti en Lugo, xunto co Hospital Can Misses en Eivissa e Hospìtal de Alta Resolución de Loja en Granada.

Un estudo similar para Atención Primaria

A idea de realizar esta investigación xurdiu en canto constatouse que a frecuencia de infección en traballadores hospitalarios, sanitarios e non sanitarios, era máis elevada que na poboación xeral, o que provocou que para o Servizo Galego de Saúde e a sociedade en xeral, a adecuada protección deste colectivo sexa esencial, e así superar esta crise e diminuír o impacto socioeconómico da enfermidade.

Aínda que o estudo que agora se inicia está circunscrito a traballadores que prestan os seus servizos nos hospitais, xa se está traballando noutro programa similar para os profesionais, sanitarios e non sanitarios, de Atención Primaria.