O BNG de Nigrán insta á suspensión de impostos e taxas municipais aos afectados polo cese de actividades

Para o Responsable Local do BNG de Nigrán, Xavier Rodríguez, nestes momentos nos que toda a atención está posta na loita contra o coronavirus, como así debe ser, non deberiamos descoidar, por quen debe facelo, as medidas a adoptar cando consigamos que remita a pandemia e nos enfrontemos a outra: unha crise de dimensións aínda descoñecidas.

“A administración local é a única que ten, no seu conxunto, superávit orzamentario. Ao mesmo tempo que a administración xeral do estado convértese no maior xerador de déficit, os concellos, na súa maioría e en grande medida como consecuencia das limitacións normativas impostas, teñen, en maior ou menor grao, importantes remanentes de tesouraría”, recorda o nacionalista.

Tal é o caso do concello de Nigrán, cun remanente do ano 2018, o último publicado na súa páxina, que se achega aos catro millóns de euros. “Pois ben, nun momento tan difícil como o que atravesamos e as consecuencias que se van a derivar del, non sería admisible, e diríamos que ata inmoral, que se obstaculizase a súa utilización”.

“Nese sentido urxe xa que o goberno municipal adopte medidas, no marco da súa fiscalidade, para compensar o cese de actividade de comerciantes, autónomos e empresas. Ten marxe económico sobrado para facelo”, insiste Rodríguez. Por iso o BNG de Nigrán trasladou ao goberno municipal unha serie de propostas urxentes que consideran que debería adoptar, tales como a suspensión de impostos e taxas asociados a unha actividade que non se permite exercer, como o IAE, imposto de actividades económicas que, como o seu propio nome indica, grava un exercicio profesional e, polo tanto, non pode nin debe proceder pagamento mentres estea suspendido polo goberno. Pero tamén taxas como o lixo e a auga para locais que, por mor deste peche obrigado, non utilizan eses servizos.

“Falamos de suspender, non aprazar. Aprazar é simplemente aprazar o problema. O que reclamamos é que non se cobren eses tributos aos afectados polo cese de actividade, e hai capacidade económica para facelo, durante o tempo que estean obrigados a mantelo. Igualmente realizamos outra petición específica para un colectivo moi importante no noso concello como xerador de emprego, o da hostalería. Faise necesario bonificar en gran medida a taxa de terrazas para tratar de compensar minimamente co verán o xa perdido. É de xustiza”, conclúe o Responsable Local do BNG.

Propostas fiscais do BNG para o concello

• Suspender o pagamento do IAE a todos os suxeitos tributarios que se viran obrigados a parar a súa actividade. O imposto de actividades económicas, como o seu propio nome indica, grava o exercicio dunha actividade e, polo tanto, non pode nin debe proceder pagamento mentres estea suspendida polo goberno.

• Suspender o pagamento das taxas de lixo e auga para os todos os locais que, por mor deste peche obrigado, non utilizan estes servizos. Durante o tempo que se manteña esta situación.

• Establecer unha bonificación sobre a taxa de ocupación da vía pública para as terrazas, que reduza de maneira substancial a súa cota, como medida de estímulo para a hostalería.

• Iniciar o estudo para a posta en marcha, pasado o período de emerxencia sanitaria, dun Plan de reactivación económica naquelas cuestións de competencia municipal como pode ser a dinamización do comercio local.

• Flexibilizar o pagamento de alugueiros e concesións municipais aos diferentes axentes (praza de abastos, concesión de cafetarías, etc.) que viron suspendida ou reducida a súa actividade.

• Estudar a posibilidade de elaborar axudas económicas directas a persoas afectadas e necesitadas.

• Reforzar as Axudas de Emerxencia Social para evitar situacións de exclusión.

• Demandar a eliminación urxente da regra de gasto, xa que restrinxe a capacidade de investimento, limitando enormemente a capacidade de resposta á crise.