Novas medidas organizativas no hospital Álvaro Cunqueiro

No marco do Plan de Continxencia que a Área Sanitaria de Vigo ten deseñado para a atención aos pacientes con patoloxía relacionada co COVID-19, a Xerencia continúa implementando, de xeito progresivo, as medidas establecidas para dar resposta ás necesidades de atención.

O servizo de Urxencias, un dos sometidos a un maior impacto e presión asistencial, ten experimentado unha significativa reorganización dos seus circuítos, co obxecto de delimitar dúas áreas, unha para pacientes con sospeita de enfermidade respiratoria por COVID-19 e outra área para o resto de patoloxías urxentes.

Neste contexto, a partires de hoxe, queda delimitada aínda máis a área de Urxencias pediátricas, concentrando esta atención nos espazos ocupados ata hoxe polo servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO). Así, esta mañá HADO trasladouse á Area de Docencia (planta 0), e neses espazos liberados por este servizo habilitouse un posto de Admisión de Urxencias pediátricas – propias e independente da de adultos-; un Posto de Triaxe e unha sala de espera para nenos. A porta de acceso exterior é diferente á que víñase utilizando habitualmente para entrar nas Urxencias pediátricas.

A zoa liberada das Urxencias pediátricas se destina á atención das patoloxías Non respiratorias de adultos, ampliando así o chamado “circuíto de limpo”. Conta cun Posto de Triaxe específico e unha Sala de espera para aqueles pacientes que achéganse a Urxencias por outros motivos diferentes aos relacionados co coronavirus.

O obxectivo destes movementos é dobre: por un lado, evitar calquera tipo de contacto entre os pacientes pediátricos e os adultos; e por outra banda, dispoñer dun espazo máis amplo para a atención das patoloxías Non respiratorias de adultos.

Tres Unidades de Hospitalización

No referido á hospitalización, neste momento hai dúas Unidades destinadas ao ingreso e atención exclusiva dos pacientes con diagnóstico confirmado de COVID-19. Son as emprazadas na planta terceira, nas Velas C e D.

Ademais, destinouse a Vela C da segunda planta á atención aos pacientes con sospeita de padecer a enfermidade pero aínda non está confirmada.

Conforme vaian aumentando as necesidades de hospitalización, iranse desenvolvendo novas fases do Plan de Continxencia e novas medidas asistenciais e organizativas.

Equipos COVID-19

No referido aos profesionais, tal e como tense informado, os pacientes están sendo atendidos polos equipos específicos constituídos a tal fin, os catro Equipos COVID:

Un equipo COVID de Urxencias, formado por un facultativo, un profesional de enfermaría e un TCAE, que se encargan de atender aos pacientes con criterio clínico e epidemiolóxico sospeitosos nos circuítos dese servizo.

O segundo Equipo é de hospitalización, liderado por un internista especializado en infecciosas ou un neumólogo, que se encargan de realizar o ingreso destes pacientes, atendelos nos seus cuartos e facer o seu seguimento.

O Equipo de Seguimento Compartido de Atención especialidade (ESCAH), é un equipo de Hospitalización a Domicilio. Composto por 1 facultativo e 1 enfermeira, responsabilízase do seguimento clínico dos casos positivos en illamento domiciliario, e de coordinar, se fose necesario, os ingresos no hospital.

En canto á realización de Test PCR, continúan operativos 7 equipos de extracción de mostras domiciliarias ademais do dispositivo fixo no Hospital Meixoeiro, o COVID-Auto. A día de hoxe, a área de Vigo leva realizadas 1860 destas probas diagnósticas.