Paula Bouzós acusa a Ferreira de ser “a marioneta dos Caballeros do PSOE”

A voceira do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, acusa ao Alcalde de volver a usar a difamación e disfrazar a realidade para ocultar aos veciños a súa incapacidade para resolver os problemas do concello.

O pasado 5 de febreiro por resolución da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e tras a petición do Concello de Gondomar, nomeouse como secretario accidental a un funcionario do concello por un período máximo dun mes, ao non pertencer o mesmo ao subgrupo A1. Segundo sinala Bouzós, desde ese intre Ferreira xa sabía que segundo a lexislación vixente tiña ata un mes para nomear a un funcionario de carreira do subgrupo A1 como secretario accidental ou acudir a outras formas de provisión temporais previstas no Real Decreto 128/2018 de 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración Local con habilitación de carácter nacional.

Pero non foi ata o 27 de febreiro cando o alcalde solicitou a prórroga, sabendo que non era posible, polo que non foi autorizado pola Dirección Xeral de Administración Local, indicándolle cales deberían ser as solucións posibles para estes casos. A Administración autonómica conta cunha bolsa de interinos destinada a cubrir as vacantes dos postos de habilitación nacional que existan nos concellos galegos. Trátase dun sistema áxil, eficaz e que libera ás entidades locais do custo económico dun proceso selectivo e con respecto á súa autonomía local. Os concellos interesados poden solicitar voluntariamente a cobertura destes postos a través deste procedemento cando non poden facelo de xeito definitivo ou en comisión de servizos, acumulación ou nomeamento provisional.

“O pasado 25 de febreiro celebrouse unha xunta de voceiros para programar o pleno do mes de marzo e o Sr. Ferreira, que xa sabía que non o ía convocar por falta de secretario, nin sequera tivo a dignidade de informar desta cuestión tan importante a todos os voceiros da oposición, que nos decatamos da falta de secretario do concello cando preguntamos en secretaría o motivo polo cal non se convocaran a comisión informativa e o pleno como se quedara na xunta de voceiros, xa que o alcalde non deu ningunha explicación ata o día de hoxe, salvo a nota de prensa enviada aos medios”, dicía indignada Paula Bouzos. Para a voceira do Partido Popular de Gondomar, este proceder do alcalde obedece máis ben á súa incapacidade para resolver os problemas dos veciños de Gondomar, así como ao interese de desviar as súas culpas cara outra administración e a negativa constante e absoluta a facilitar nin o máis mínimo a labor dos membros da oposición, negándose incluso a entregar copias de documentos públicos solicitados hai máis de tres meses e non contestando as preguntas feitas no pleno de decembro.

“Nun acto de responsabilidade, a Xunta de Galicia adoptou unha solución excepcional ao nomear secretario accidental excepcional co fin de evitar unha situación de quebrantamento da lei, como é a elección dos membros das mesas electorais que se celebraron onte ás oito da noite tras a convocatoria extraordinaria urxente do pleno. Habería que preguntarlle ao Sr. Ferreira porque non solicitou á Xunta de Galicia a cobertura do posto de secretario a través da bolsa de interinos, destinada precisamente a cubrir as vacantes dos postos de habilitación nacional nos concellos galegos”, remataba dicindo Paula Bouzós, voceira do PP gondomareño.