“A gran maioría de pilotos cancelaran a súa inscrición”

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, convocou unha reunión urxente cos organizadores do Campionato de España de Trial, a Peña Moteros Val Miñor, na que tamén estiveron presentes os membros da Corporación Municipal, así como Policía Local e Garda Civil. O asunto do día era a cancelación da gran cita do motociclismo español e que se ía a desenvolver os días 13, 14 e 15 deste mes de marzo na vila de Baiona.

Ante as novas directrices establecidas polo Goberno da Nación e as consensuadas onte tarde en Santiago, onde se reuniron os representantes das federacións deportivas co máximo responsable do deporte galego na Xunta de Galicia, Lete Lasa, a Federación Galega de Motociclismo toma a decisión de “aprazar todas as actividades/competicións a partir da data de hoxe 12 de marzo”, segundo despréndese do manifesto emitido pola propia entidade galega.

“É un exercicio de responsabilidade social que todos debemos asumir na prevención dos riscos que contrae o contaxio do coronavirus”, manifestaba o máximo rexedor de Baiona. “A gran maioría de pilotos cancelaran a súa inscrición ante o desenvolvemento dos acontecementos e os que aínda non o facían xa estaban a viaxar e avisóuselles para que retornen aos seus domicilios”, declaraban desde a Peña Moteros Val Miñor.

Ante este novo escenario aínda é moi pronto para tentar fixar unha nova data. A propia evolución da xa declarada Pandemia Global pola Organización Mundial da Saúde, marcará as pautas nos meses sucesivos. “En coordinación coa Real Federación de Motociclismo Española e os clubs organizadores tentarase retomar a actividade unha vez que as autoridades así o autoricen”, declaraban desde a Federación Galega.

Anuncios