Baiona conmemora o 8M cun mural elaborado por alumnos do CPI Cova Terreña

Baiona presentou este venres nos xardíns da Casa da Navegación a “Primavera Lila”, programación que xurdiu de varias reunións con mulleres do municipio, representantes de asociacións tanto deportivas coma culturais, mulleres salientables do eido artístico, deportivo e docente. Trátase da segunda convocatoria programática da Concellería de Igualdade, dirixida por Yasmina Costas, a primeira ocasión levou o nome de “Novembro Lila” e o foco púxose na concienciación e sensibilización contra a violencia de xénero.

Nesta ocasión o obxectivo é poñer en valor o traballo das mulleres (maioritariamente de Baiona) nos diversos eidos mediante accións cun ton máis festivo, celebrando os pasos que se teñen dado até agora e empoderando a todas esas mulleres que foron silenciadas. Dentro da programación, que se estenderá durante toda a primavera, contarán con pandereteiras; murais colaborativos; contacontos e conferencias nos centros educativos; ampliación do punto de interese feminista; teatro, batukadas; recitais de poesía; arte e moito máis.

2020-03-07 - 88434874_218586562863912_7457303599526182912_o

Durante o acto de presentación inaugurouse o mural “Guías na igualdade”, realizado polo alumnado de 1º de ESO do CPI de Cova Terreña e deseñado pola artista local Irene Silva. Entre todos e todas “construíron” esta representación do papel da muller no seu día a día, onde todas teñen cabida. Nunha xornada de traballo no centro, en colaboración co Departamento de Debuxo a cargo do mestre Tobías Díez, o alumnado e a artista déronlle vida ao gran mural de 8 metros de longo por 1,60 metros de ancho cunha gran implicación e entusiasmo.

Estiveron presentes algúns dos alumnos participantes, que puideron firmar a obra xunto coa artista Irene Silva. Desde o centro escolar agradecen á Concellería de Igualdade e ao Centro de Información á Muller por contar con eles para esta actividade, que forma parte da programación para a conmemoración do Día da Muller no centro.

“O camiño cara a igualdade non se fai nun só día. Dende a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona traballamos a diario e en colaboración con todos os axentes implicados para acadar unha Baiona máis xusta”, sinala a súa responsable, Yasmina Moreira.

Anuncios