
O equipo cadete do CB Nigrán proclamouse esta mañá subcampión da liga desta tempada 2019-2020. Non foi un camiño fácil, pero finalmente foron capaces de remontar algún que outro resultado adverso da primeira volta. O equipo está formado por un total de 11 xogadores que proveñen das escolas que o Club ten nos colexios de Nigrán e outros municipios limítrofes. A súa adestradora, Nuria Gómez, séntese profundamente orgullosa deste equipo caracterizado polo seu tesón, constancia, ambición e pola marxe de mellora co que aínda contan.
A liga arrancaba o pasado mes de outubro e, aínda que o equipo viña traballando moi ben, o certo é que os rivais tamén tiñan un alto nivel de competición e iso obrigoulles a que cada partido presentásese como unha final para poder estar entre os dous primeiros postos do grupo e poder así xogar os cruces cos dous mellores do outro grupo. Con moito esforzo e tesón o equipo conseguiu ese obxectivo de meterse entre os catro primeiros da liga, que xa era unha gran fazaña, e focalizou entón o seu traballo en preparar a semifinal contra Seis do Nadal, equipo tamén moi competitivo.
En Nigrán empezouse a acariñar un soño cando o equipo superou este primeiro partido de ida gañando por case vinte puntos ao seu rival, arroupados por unha bancada na que familias dos xogadores e demais familias do CB Nigrán foron un factor crave na devandita vitoria. O equipo sabía o que se xogaba no partido de volta, nunha cancha sempre difícil e onde o rival desde un primeiro momento non puxo as cousas fáciles ao club nigranés, que tivo que mostrar a súa mellor versión na cancha. Pero como sempre, pelexaron duro e conseguiron así meterse na final da liga.
Esta final, cuxa ida se xogou en Nigrán e a volta en Porriño, mostrou aos presentes un gran nivel de baloncesto no que ambos os dous equipos gozaron con cada acción de xogo nun ambiente de complicidade, apoio e respecto desde a bancada. Finalmente o equipo nigranés fíxose co título de subcampión ante un Porriño cun enorme potencial no seu persoal como así demostran os resultados obtidos ao longo de toda a ligar regular, semifinal e final onde quedaron invictos.
Este grupo de xogadores do Nigrán escribiron unha páxina moi importante na historia do Club, un club que segue conseguindo éxitos deportivos que atesouran o bo traballo que se realiza día a día.