Novos profesionais sanitarios incorpóranse este luns aos centros de saúde de Baiona e Val Miñor

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Centro de Saúde de Baiona.

O próximo luns dia 2 de marzo vanse incorporar as súas prazas nos centros de saúde da Área Sanitaria de Vigo un total de 10 profesionais sanitarios -6 especialistas en medicina familiar e comunitaria e 4 profesionais de enfermaría-. Trátase das prazas de nova creación que o SERGAS outorgou a atención primaria da área viguesa, un total de 20, e que supoñen un importante crecemento do seu cadro de persoal. Este incremento de recursos humanos enmárcase no desenvolvemento do Plan de Atención Primaria da Consellería de Sanidade, que contempla un importante crecemento de persoal neste nivel asistencial.

Destas 20 novas prazas, tres xa foron cubertas no pasado mes de febreiro – un médico e dúas enfermeiras no Punto de Atención Continuada de Cangas-Moaña -; 10 cúbrense o luns; e as 7 restantes -2 fisioterapeutas, 3 enfermeiras especializadas en obstetricia (matróns) e 2 pediatras-, incorporaranse nas próximas semanas.

Os 6 facultativos que comezan o luns, farano nas súas novas prazas dos centros de saúde de Val Miñor, Baiona e Matamá -os tres están acreditados como centros docentes na formación de médicos de familia- e aos centros de Teis, Pintor Colmeiro e Tomiño. En canto a enfermería, integraranse dúas enfermeiras xerais nos centros de saúde Teis e Pintor Colmeiro, e dúas especializadas en Familiar e Comunitaria en A Doblada e Coia.

Mellora ratios poboacionais

Este incremento de persoal posibilitou realizar unha redistribución das TIS (Tarxetas Sanitarias Individuais) dos médicos de familia e conseguise diminuír nunha media de 200 usuarios cada un dos cupos médicos deses centros de saúde. En consecuencia, nestes momentos, os ratios son os seguintes: o centro de saúde de Baiona,1230 TIS; Val Miñor,1300; Matamá, 1325; Teis, 1250; Tomiño ,1262 e Pintor Colmeiro 1335.

Todos eles presentan unha media inferior a 1400 TIS, mellorando de xeito significativo as ratios doutras áreas sanitarias da comunidade galega e do resto de España. Isto permite prestar unha asistencia en mellores condicións, tanto para usuarios como para os profesionais, que ven melloradas as súas cargas de traballo e os tempos de atención aos pacientes-.

Maior crecemento do cadro de persoal e estabilidade laboral

Estas 20 prazas súmanse as 9 creadas nos últimos meses na atención primaria, o que supón o maior incremento de persoal nos últimos anos, con previsión de crecemento tamén no ano 2021. En total, son 10 novos especialistas de medicina familiar e comunitaria, 2 pediatras, 4 fisioterapeutas, 10 profesionais da enfermería e 3 especialistas de enfermería obstétrica.

Estas medidas de persoal veñen a sumarse á recente estabilización de prazas con 30 especialistas de medicina familiar e comunitaria incorporados tras superar as oposicións.

Ademais dos nomeamentos de persoal estable para cubrir ausencias nos centros de saúde. Actualmente están vixentes 6 contratos de continuidade de 1 ano de médicos de familia e van a ofertarse outros 5.

Neste eido, ao longo deste mes de marzo tamén asinaranse 6 novos contratos de continuidade de persoal de enfermaría, co que neste momento na área sanitaria de Vigo hai 15 profesionais de enfermaría con este tipo de vinculación.

Con esta nova modalidade contractual, de carácter voluntario, preténdese ofrecer ao persoal de enfermería interesado no mesmo, un período de estabilidade no emprego maior que o ofrecido ata o momento, xa que contempla unha duración mínima dun ano a unha máxima de tres. Transcorrido ese período se crearán as prazas básicas de enfermaría correspondentes. O persoal de enfermería vinculado a estes contratos ten garantido o mesmo réxime de descansos, permisos e vacacións que o resto do persoal fixo.

Galicia é a única comunidade autónoma que conta con esta nova modalidade contractual para o persoal de enfermería, un contrato que non só garante unha maior estabilidade laboral, senón que permite unha fidelización dos recursos humanos dispoñibles e favorece a conciliación da vida familiar e laboral.

Tamén contribúe a unha maior calidade asistencial e é bo para o paciente, xa que da continuidade ao profesional, e reduce contratos sucesivos nun mesmo profesional.