O PP critica que o Goberno central debe a Nigrán e Gondomar 4,4 millóns de euros

O presidente provincial do Partido Popular, Alfonso Rueda, mantivo onte pola noite sendas reunión con afiliados e simpatizantes do PP de Nigrán e de Gondomar, dentro da rolda de encontros que está levando a cabo por toda a provincia coa mirada posta nas eleccións do 5 de abril.

No encontro, ao que tamén asistiron os voceiros locais, Carlos Abal e Paula Bouzós, respectivamente, así como o secretario do PP de Pontevedra, Cores Tourís e o conselleiro de Sanidade, Jesús Almuíña, Rueda recordou que a provincia de Pontevedra vai ser fundamental para apuntalar outra maioría absoluta de Feijóo en Galicia, e por iso “cada papeleta que entre en urna nos 61 concellos desta provincia será decisiva para seguir contando cun goberno estable, que traballe e que teña clara cal debe ser a prioridade. Nós témolo claro, a nosa prioridade é Galicia”, destacou.

Nesta liña, lamentou que esta prioridade non sexa compartida polo resto de partidos. Así, explicou que o Goberno central debe a Galicia 370 millóns de euros, incluídos os 200 millóns do IVE, “mentres os socialistas galegos e tamén os da provincia calan cun silencio cómplice”. Destes cartos, a Nigrán corresponderíanlle 2,4 millóns de euros e a Gondomar aproximadamente 2 millóns, que están deixando de recibir para seguir mellorando a sanidade, a educación ou os servizos sociais. “Non se pode consentir nin un minuto máis este roubo”, sinalou.

Por último, avanzou, “esta será unha campaña con moita mobilización e participación, na que o Partido Popular vai estar na rúa para presentar propostas, pero sobre todo para explicar todo o bo que se fixo”. Así, recordou que os galegos gañan con menos impostos, con máis medios para conciliar, coa mellor educación pública da nosa historia, coa universidade máis accesible, con máis políticas sociais para os maiores, con máis exportacións e cunha sanidade con máis infraestruturas, máis prestacións e tratamentos.

“Está en xogo a estabilidade política que permitiu a Galicia crecer nos últimos anos en todos os ámbitos, grazas á xestión do Partido Popular”, e destacou que Pontevedra terá un papel decisivo á hora revalidar a maioría absoluta. “A alternativa a Feijoo é un multipartito que só suporía unha grande inestabilidade para a nosa comunidade”.