“A liña circular ao Val Miñor anunciada pola Xunta parece máis unha ruta turística”

Para Antonio Araújo, Portavoz de Manifesto Miñor, a liña circular ao Val Miñor que vén de facer pública a Xunta de Galicia, máis que unha liña de transporte ordinaria parécese máis a unha ruta turística propia do verán. “O Goberno da Xunta acaba de entrar en campaña electoral na comarca coma un elefante nunha cacharrería, e válelle calquera cousa sen reparar sequera no absurdo ou sesgado do que propoñen. Véndenos unha liña circular que une ao Val Miñor, cando no mellor dos casos uniría Baiona e Nigrán. Falan dun percorrido dunha hora, cando polo itinerario que malamente describen, con treitos por vías rurais, os tempos non van baixar de hora e media”.

Analicemos a “liña circular” da Xunta: sae de Baiona (centro de saúde), continúa por Sabarís e chega á Ramallosa; de aí tira ao centro de saúde da Xunqueira e volve de novo á Ramallosa, cara Panxón. De Panxón sube a Nigrán e baixa a Porto do Molle (polígono industrial); dende aí, suponse que sube á Carrasca, cara Parada e chegar á Areíña (Vilaza), e baixa ao centro de Gondomar (estación de buses). E volve de novo á estrada da Rallamosa, pasa por Mañufe ata chegar ao IES Proval, de novo a Xunqueira, A Ramallosa, Sabarís, rematando en Baiona no IES 1ª de Marzo.

“En resumo, se unha persoa quere vén a Gondomar dende Baiona, non lle baixa de hora e media cun percorrido máis propio dunha visita turística. E a rapazada que queira vir estudar ao IES Proval o mesmo, a non ser que baixen na Xunqueira e vaian camiñando ata o instituto 3 quilómetros que para iso teñen as pernas novas. Nada di o anuncio da Xunta do que realmente nos interesa aos miñoráns e miñorás, por exemplo a conexión coa UVIGO, cos dous polígonos industriais, co Hospital Álvaro Cunqueiro, etc”, lamenta Araújo.

“Se as ducias de alegacións feitas polos colectivos sociais, partidos políticos, e veciñanza da comarca só deron como resultado o que agora anuncia a Xunta, para Manifesto Miñor é unha tomadura de pelo que segue deixando o Val Miñor cunha comunicación interna case tan precaria como a que tiñamos”, conclúe.