Un novo auto xudicial obriga a Gondomar a retomar a licitación dos postos da Praza de Abastos

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Un dos postos da Praza de Abastos.

Un novo Auto Aclaratorio do Xulgado do Contencioso nº1 de Vigo volve a dicir, por terceira vez, que o Concello de Gondomar retome a licitación dos postos da Praza de Abastos no punto onde o paralizou o 25 de abril de 2017. Desde Manifesto Miñor-En Marea esixen ao alcalde, Francisco Ferreira, que “por respecto aos praceiros”, incluso aos que solicitaron un posto, e pola pervivencia da Praza de Abastos e do interese municipal, se deixe de manobras dilatorias e cumpra canto antes a sentenza xudicial respectando o principio de igualdade de oportunidades de todas aquelas persoas que decidan presentarse a través dun concurso público para poder ter acceso a un posto na Praza de Abastos, e que se poña a traballar para poñer a Praza de Abastos de Gondomar ao nivel que merece e que os cidadáns demandan.

“A actitude irresponsable do Sr. Ferreira paralizando un proceso transparente e axustado á lei que iniciara no ano 2017 o concelleiro de Comercio Xosé Antón Araúxo, e rematando a xogada cunha adxudicación a dedo das concesións dos postos da Praza de Abastos de Gondomar, fixo que por causa de non estar regulados os devanditos postos perdérase e oportunidade de acceder a importantes axudas europeas para poñer a nosa Praza de Abastos ao nivel de excelencia, así como actuar nela, dinamizala, etc”, lamenta Antonio Araújo.

Para o portavoz de Manifesto Miñor-En Marea, realmente o que lle importaba ao alcalde nesta altura era ter unha desculpa para romper o goberno e botar fóra ao seu grupo “por non mirar para outro lado ante as súas cacicadas”, e sobre todo, “para conseguir os votos dos praceiros enganándoos coa mentira de que o concurso público podía deixalos sen os seus postos na Praza de Abastos”.

“O alcalde, non só actuou de maneira xuridicamente incorrecta como di o xuíz (malia presumir de avogado), senón que prexudicou a sabendas ás persoas que esperaban ter un posto na Praza para poder traballar e vivir dignamente, e a maiores enganou aos praceiros que alí estaban deixándoos nunha absoluta inseguridade xurídica. Paco Ferreira xogou co pan das familias de todos eles”, conclúe Araújo.

Anuncios