Gondomar aproba definitivamente a súa ordenanza de normalización lingüística

“Elaborar e aprobar unhas liñas de actuación constante co fin de incorporar o galego en todos os ámbitos da vida municipal e impulsar a normalización do seu uso no conxunto da sociedade”, é o obxectivo da ordenanza municipal de Normalización Lingüística do Concello de Gondomar, aprobada definitivamente no pleno da corporación municipal do mes de xaneiro.

Un texto que o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, cualifica de “necesario e integrador por ser un exemplo claro da convivencia real e diaria dos dous idiomas, o castelán e o galego, existentes e utilizados no noso municipio, na nosa comunidade autónoma”.

Un equilibrio que lembra “desde un principio quixemos manter na redacción desta normativa”. Así destaca o feito de que os administrados, segundo recolle a ordenanza, serán atendidos no idioma que soliciten formalmente, aínda que nun primeiro momento a comunicación realícese en galego.

Unha opción que tamén se contempla á hora de cubrir documentación municipal que se ofrecerá sempre en galego, por recoñecerse como a lingua oficial do concello. Este feito non impedirá en ningún momento que se poidan cubrir en castelán ou mesmo “facilitar a súa tradución ao castelán se o demandante así ou require”.

Paco Ferreira lembra que a norma pretende “ser un reflexo da nosa sociedade, na que ambas as dúas linguas sempre coexistiron sen problemas. Como galegos defenderemos e promoveremos a nosa lingua propia, pero sempre de forma positiva e co máximo respecto á diversidade lingüística e á libre elección de cada un”.

Anuncios