Mulleres galegas referentes na ciencia e na tecnoloxía protagonizan unha exposición en Baiona

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe no CPI de Cova Terreña en Baiona, acompañada pola concelleira de Igualdade, Yasmina Costas, e a directora do centro, Isabel Martínez, unha exposición sobre os Premios María Josefa Wonenburger, creados pola Xunta para visibilizar e facer chegar á sociedade as contribucións das mulleres galegas referentes na ciencia e na tecnoloxía. O recoñecemento de 2019 recaeu en Mabel Loza, catedrática de Farmacoloxía e responsable do grupo de investigación BioFarma da Universidade de Santiago (USC).

O Premio leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger, unha auténtica pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias e unha científica adiantada ao seu tempo. Dende a súa creación foron merecedoras deste recoñecemento mulleres que dedican a súa vida profesional a algún campo específico da ciencia ou da tecnoloxía, e así coa visibilización a través desta exposición da súa actividade e do seu triunfo, podemos lograr afianzar a idea de que muller e ciencia non só son compatibles senón que son unha combinación gañadora.

O Goberno galego considera prioritario incrementar a presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxico de Galicia, pois unha maior presenza de mulleres na investigación contribuiría a enriquecer a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas. Ademais é necesario promover a eliminación dos desequilibrios que poidan existir no relativo á formación científica, no eido da investigación e innovación e na xestión da I+D+i, así como situar nos estudos e actividades científicas a perspectiva de xénero nun primeiro plano.

Á exposición asistiu o alumnado de 3º e 4º de ESO así como mulleres de diferentes eidos (deportivo, artístico, asociativo e docente). A exposición estará dispoñible a toda a comunidade educativa do 22 ao 29 de xaneiro no salón de actos do centro. Despois trasladarase ao IES Primeiro de Marzo até o 6 de febreiro.