Sin categoría

Alumnado do IES Primeiro de Marzo organiza o II Encontro de Equipos de Igualdade da provincia

O equipo do ciclo de Animación sociocultural xunto con Rochas Violetas do IES Primeiro de Marzo, formado por alumnado de todas as etapas educativas do centro, organiza o que pretende ser o “II Encontro de Equipos de Igualdade” da provincia de Pontevedra que se celebrará na mañá do venres 3 de maio no Centro Cultural e Social de Chapela.

O encontro contará coa presenza de Rochas Violetas (equipo de Igualdade do IES Primeiro de Marzo, Baiona), Comando Igualdade (IES Alexandre Bóveda, Vigo), Equipo Morgana (IES Álvaro Cunqueiro, Vigo), Comando Igualdade (IES Ribeira do Louro, Porriño), Brigada Violeta (IES Chapela, Redondela), Club Diversidade (IES Valadares), IES Barral (Ponteareas).

O obxectivo deste espazo, onde o alumnado comprometido coa igualdade é o verdadeiro protagonista, é compartir as boas prácticas en materia de igualdade que realizan diferentes institutos públicos, contribuír na prevención da violencia de xénero nas aulas e crear espazos educativos seguros para o alumnado, profesoras e persoal non docente. As reflexións, a realización de actividades colectivas e o debate conducirán unha mañá de traballo que pretende seguir sendo un punto de partida para tecer rede entre institutos na construción da igualdade.

Ao acto, que conta coa colaboración do Centro Cultural e Social de Chapela, asistirán Chis Oliveira, Priscila Retamozo, Joshua Mateo, Marcos Ceive, Carmela Silva (presidenta da Deputación), Victoria Alonso (deputada de Igualdade da Deputación), Yasmina Moreira (concelleira de igualdade e xuventude en Baiona), que participarán acompañando ao alumnado e amosando así o seu apoio ás actividades coeducadoras realizadas dende a escola pública.