Sin categoría

Ethel Vázquez desmente que Nigrán pedise a intervención da Xunta en Otero Pedrayo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade defende o seu compromiso coa mellora das estradas autonómicas en Nigrán, priorizando a seguridade viaria e eliminación de treitos de concentración de accidentes. Na última xuntanza mantida, o pasado 2 de outubro, o alcalde comunicoulle á conselleira de Infraestruturas a decisión do Concello de actuar na rúa Otero Pedrayo para mellorar o seu estado de conservación. Non lle solicitou en ningún momento a intervención da Xunta, que está centrada na mellora da seguridade viaria das vías autonómicas no municipio.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informoulle nesa xuntanza do pasado mes de outubro ao alcalde as melloras que se incorporarán ao proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada PO-552. Esas obras, nas que a Xunta está a investir 400.000 euros, teñen por finalidade eliminar unha zona de concentración de accidentes e comezarán neste primeiro trimestre de 2020. A titular de Infraestruturas comunicoulle o compromiso do seu departamento de atender as demandas de manter a semaforización na contorna da panadería “La Pintora” e achegar o paso de peóns o máximo posible á intersección.

Tamén lle informou da mellora do itinerario peonil na contorna da intersección da AG-57 e ata a rúa Rans, que se executou o pasado outono. Nesa intervención, a glorieta proxectada no punto quilométrico 12+350, na intersección coa rúa Valle Inclán, axustouse na súa construción para reducir a súa afección, de xeito que non se interrompa o acceso ao Camiño das Barreiras. Ademais, a Xunta executou recentemente a senda entre Gondomar e A Ramallosa, tamén destinada a reforzar a seguridade viaria da estrada PO-340, cun investimento de máis de 2,3 millóns de euros.

O Goberno galego contribúe á mobilidade dos veciños de Nigrán a través do Plan de transporte metropolitano que subvenciona as viaxes de autobús e que permite que os menores de 21 anos viaxen gratis desde o pasado 1 de xaneiro a través do pago coa Tarxeta Xente Nova. Pero o compromiso da Xunta con Nigrán non remata aquí, senón que ademais, o Goberno galego asume a xestión da depuradora de augas residuais do Concello, a pesar de que se trata dunha responsabilidade municipal.