A práctica totalidade de Nigrán contará con fibra óptica antes de que remate 2021

O Concello de Nigrán ve cumpridas as súas demandas ás teleoperadoras para achegar a fibra óptica aos núcleos do interior do municipio non contemplados ata agora. Así o reflexa un novo Plan Estatal que permitirá iniciar o despregue desde este mesmo ano e ata antes de que remate 2021 a novas zonas de Camos e Priegue e barrios de San Pedro, Panxón, Nigrán e Parada. Paralelamente, Telefónica, adxudicataria de senllos Plans Estatais para os períodos 2019-2021 e 2018-2020, continúa os traballos de instalación no municipio para cubrir as zonas xa anunciadas a inicios de 2019 e estarán todos rematados neste ano. Estas diferentes actuacións permitirán cubrir a práctica totalidade do territorio de Nigrán antes de que remate 2021.

Así, o novo anuncio permitirá que a fibra sexa unha realidade en menos de dous anos en barrios de Camos excluídos ata agora como A Rotea, O Carballal, A Carballeira, Fontenla, As Pedras, Piñeiros, Touza e Vilar; en Priegue a Alborés, Mámoa, As Medoñas, Navás, Pedrosas, Prado, Raña, A Regueira e As Rexas; en Panxón á Barcalleira; en Parada ao que resta da Carrasca, Cartas, Laxe, Nandín, Rúa e Tinde; en San Pedro a Camesella, O Carballal, Cruceiro, Foz, Igrexa, Rans e O Souto; en Nigrán a Barxa, Ceán, Dehesa, Grolos, Lagoíña, Lugar do Monte, Nogueira e Outeiro.

“Era prioritario para nós chegar aos núcleos do rural máis afastados e que ata agora non estaban contemplados en ningún plan estatal, con este anuncio chegamos a case todo o territorio. Somos conscientes de que é un tema vital para a veciñanza e de que temos que loitar para que as teleoperadoras rachen coa fenda tecnolóxica que existe entre o urbano e o rural. Hoxe en día internet supón o cordón umbilical do progreso e as parroquias do interior de Nigrán teñen que estar subidas a ese tren, non poden seguir no século XXI con velocidades efectivas menores de 1 MB”, indica o alcalde, Juan González.

A fibra óptica é un fino fío de vidro ou silicio fundido que conduce a luz. Permite a transmisión dos datos de forma moi rápida porque se fai a través de impulsos de luz e é moi estable porque non se ve afectada por interferencias. A fibra óptica permite conectar simultaneamente varios dispositivos a Internet sen que haxa percepción de perda de velocidade. Ademais, permite utilizar sistemas de emisión e recepción de vídeo e voz con alta calidade de son e imaxe e permite ver televisión de alta definición (HD) por Internet. A velocidade máxima que pode contratarse en ADSL é de ao redor de 30 Mb. mentres en fibra óptica comercialízanse velocidades de ata 300 Mb.

Anuncios