A Asociación Cultural Centáurea convoca o IV Certame de Coplas de Entroido en Gondomar

Como en anos anteriores, a A. C. Centáurea convoca o IV Certame de Coplas de Entroido, que pretende pular a continuidade e o contido desta tradición, festa ritual de enchentes, esmorgas, máscaras e crítica social, que ridiculiza todo o considerado serio o resto do ano e desbota as frustracións cotiáns, dun xeito lúdico e humorístico.

Este certame de coplas, aberto á participación de toda a veciñanza, terá lugar o sábado 15 de febreiro a partir das 17:30 da tarde, na Praza da Paradela de Gondomar. As bases para acceder ao certame están publicadas no Facebook da A. C.Centáurea (a.c.centaurea), e as solicitudes de inscrición han ser presentadas antes do 10 de febreiro de 2020.

O tema das coplas é libre e as letras terán que ser integramente en idioma galego. O xurado valorará o enxeño, o humor e o sentido crítico das letras, consubstanciais co espírito do Entroido; a posta en escena e a composición e acompañamento musical das coplas. O grupo gañador recibirá, ademais dun agasallo e o diploma acreditativo, as risas e o recoñecemento de todas as persoas presentes nesta celebración.

Anuncios