Nigrán ofrecerá unha Gran Cabalgata de Reis coa recepción final no Pavillón de Panxón

O Concello de Nigrán ofrecerá a Cabalgata de Reis tradicional con recepción final no Pavillón de Panxón. A Comitiva Real estará dende as 15:30 ás 16:30 horas na Praza do Concello recibindo aos máis cativos e a continuación percorrerá o centro de Nigrán ata A Ramallosa para rematar en Panxón. O obxectivo é volver a unha cabalgata máxica que engaiole aos máis pequenos da maxia desta noite. Ante a posibilidade de choiva, pode haber pequenos cambios de última hora que se comunicarían a través da web do Concello. A comitiva e as súas carrozas, formada por máis de 120 paxes e axudantes, conformarán unha verdadeira “Fantasía Dis Nigrán” deseñada integramente por Sarao Animación e composta por Trasgos, Ninfas, Elfos, Gnomos e como gran novidade personaxes da factoría Disney como Brancaneves e os 7 ananos, Mickey Mouse ou Bela e Besta.

Deste xeito, as Súas Maxestades estarán presentes na Praza do Concello de Nigrán ás 15:30 horas para saír ás 16:30 horas pola rúa Rosalía de Castro e Manuel Lemos. Como xa é tradicional ás 17:00 a comitiva retomarase na Ramallosa (Rúa Valle Inclán) co Séquito Real, Raíñas Magas a cabalo, Paxes Reais, Trasgos, Ninfas, Elfos, Gnomos, personaxes Disney e 16 Carteiros Reais a cabalo, 7 Gnomos Reais, 5 travesos e os 3 Reis Magos para percorrer Cabreira, Romana Alta e Damas Apostólicas, Parque da Feira e seguidamente continuarán por Romana Baixa e Manuel Lemos. Finalmente, a comitiva reaparecerá en Panxón (antes do espazo deportivo de Gaifar) para chegar sobre as 19:00 horas ata o pavillón de Panxón onde haberá unha tirada de fogos de lucería. Abrirase o pavillón municipal para desfrutar de animación para os cativos e da música tradicional da Rondalla de Parada. A Cabalgata Real continuará polas rúas Jesús Espinosa, Mariñeiro e Paseo Marítimo e entrarán sobre as 19:30 horas no pavillón onde levarase a cabo a Recepción Real.

As Súas Maxestades estarán acompañadas por un séquito de máis de 120 paxes de diferentes entidades culturais e deportivas de Nigrán. Ademais, a Rondalla de Parada se sumará á comitiva na Ramallosa e repartirán máis de media tonelada de caramelos e gominolas sen glute dentro da campaña que o Concello de Nigrán está a facer na hostalería local para que os menús sen gluten sexan unha marca Nigrán. “É o momento de devolverlle aos máis cativos a maxia e a ilusión da noite de Reis. Este é un día moi importante para os máis pequenos e dende o Concello de Nigrán queremos axudalos a seguir soñando”, considera o alcalde, Juan González.