Dúas xogadoras e un adestrador do Baíña FS, campións galegos coa selección de Vigo

Lalín viviu a gran festa do Fútbol Sala base coa disputa da Fase Final do Campionato Galego de Seleccións Comarcais. As catro mellores seleccións das categorías infantil masculina e feminina, alevín masculina e feminina e benxamín xogaron por acadar o título, malia que o máis importante foi a experiencia e a aprendizaxe que sacaron os rapaces e rapazas que formaron parte de cada expedición. Moito ambiente, gran deportividade e moito fútbol sala en estado puro.

Tras moitas semanas de traballo, as xogadoras do Baíña FS, Irene e Paula, xunto co seu adestrador Dani, proclamáronse campións galegos coa selección de Vigo na categoría Infantil Feminino. Desde o club felicitan aos tres así como ao resto de campións, e desde o Concello de Baiona, a concelleira de Deportes, Miriam Costas, quere facer chegar a súa felicitación a todos os clubs e deportistas, recalcando o orgullo de Baiona polos éxitos acadados neste ano que remata. “Moitas grazas por representar á nosa vila e levala sempre ata o máis alto”.

O vicepresidente da RFGF, Fernando Iglesias, fixo entrega das medallas e trofeos aos equipos campións e subcampións.