A Deputación destina 186.000 € á mellora do saneamento na zona da Percibilleira en Baiona

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novos recursos por un importe de 186.184,55 euros, ao abeiro do Plan Concellos, para financiar a mellora da rede de saneamento na zona da Percibilleira, en Baiona. Esta actuación comprende a substitución das redes na rúa Fontiñas e na rúa Percibilleira, nos tramos que na actualidade son de formigón. Ademais, tamén se repoñerá a rede de abastecemento naqueles tramos que sexa necesario debido á execución de novas canalizacións e tamén se fará unha reposición do firme que se atopa en mal estado. En total, actuarase nunha superficie total de case 2.900 metros cadrados.