Falece un mozo de Baiona e tres persoas resultan feridas nun accidente en Gondomar

Un mozo de 19 anos e veciño de Baiona perdeu a vida e tres persoas máis resultaron feridas esta madrugada despois de colidir o vehículo co que circulaban contra o peche perimetral de dúas vivendas. O suceso tivo lugar na PO-340, concretamente na recta da Ramallosa, no concello de Gondomar.

Todo comezou pasados uns minutos das 5:00 horas cando o 112 Galicia recibía a chamada de alerta de varias persoas solicitando asistencia médica urxente para os ocupantes do turismo accidentado e que, segundo relataban, poderían estar atrapadas.

Axiña, os xestores do 112 Galicia poñían en alerta aos profesionais sanitarios, aos Bombeiros de Baixo Miño e Vigo e aos axentes da Garda Civil de Tráfico. Do mesmo xeito, solicitaban a colaboración dos membros do GES de Val Miñor e do persoal da Axencia Galega de Infraestruturas.

Os servizos de emerxencia desprazados no lugar confirmaron ao 112 Galicia que, finalmente, unha persoa resultou falecida, o condutor, que tivo que ser excarcerado. Ademais, tres persoas, dúas delas liberadas do interior do coche, resultaron feridas e evacuadas polos servizos sanitarios ata o centro hospitalario de referencia.

Anuncios