A Deputación achega 11.760 € a Gondomar para actividades culturais

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou axudas por valor de 290.703,65 €, ao abeiro da liña 2 do “Plan Concellos 2017”, que permitirán a oito vilas da provincia de Pontevedra levar a cabo amortizacións, pagamento de débedas e gasto corrente así como gastos derivados da realización de actividades culturais, deportivas ou sociais.

En concreto, beneficiaranse destas achegas Cuntis, Gondomar, O Grove, Lalín, Ponteareas, Ribadumia, O Rosal e Vilagarcía de Arousa. Carmela Silva subliñou que “con esta relación levamos xa aprobados investimentos para os concellos da provincia por valor de máis de 3,2 millóns de euros da liña 2 do Plan Concellos”.Isto representa, sinalou a Presidenta provincial, “máis do 52% do total correspondente a esta liña,que este ano ascende a 6.180.000 €”.

En concreto, Carmela Silva informou dos investimentos aprobados en Gondomar, Ponteareas e O Rosal, que ascenden a un total de 67.614,63 euros. Gondomar recibe unha achega de 11.760 € para o financiamento da proba monográfica Real CEPPA Galicia, para o 400 aniversario do Conde de Gondomar, a Festa da Empanada e Tapas do Conde e a gravación dun vídeo promocional de turismo. No caso de Ponteareas, 29.353,73 € para gasto corrente novo que permitirán ao concello realizar obras de sinalización e repintado nas rúas do casco urbano. Por último, 26.500 euros para O Rosal destinados á Mostra da Camelia, a festa popular do Pilar, a Feira do Viño e a Festa do Cabaqueiro.

A achega total que reciben os concellos de Gondomar, Ponteareas, O Rosal e Salvaterra de Miño esta semana ao abeiro do “Plan Concellos 2017” ascende a 135.801,70 euros.