Todo listo no Parque da Coelleira de Gondomar para acoller este domingo, día 29 de decembro, a celebración do seu tradicional “Belén Vivente”, que se tivo que suspender fai sete días como consecuencia dos fortes temporais. A iniciativa, que se repetirá o próximo día 5 de xaneiro, naceu fai nove anos da man da Asociación de Mulleres Rurais San Bieito, e conta coa colaboración do goberno local, que preside Paco Ferreira.
A súa celebración converteuse xa nun referente non só para os habitantes do municipio senón para moitas persoas que se achegan cada ano coa intención de visitalo e gozar de cada un dos elementos que se elixen para dar maior realismo a este nacemento vivente.
Son dúas xornadas nas que Gondomar dará un salto no tempo cara ao pasado, e regresará a Belén, que se recrea no parque grazas ao traballo e a colaboración de gran parte dos veciños do municipio. Alí dispuxéronse xa os postos nos que se dará vida a oficios da época como a carpintería, os vendedores de teas, a pousada típica ou, como novidade este ano, os redeiros, nunha chiscadela ao mundo da pesca.
Non faltará un muíño sobre o río Miñor, nunha chiscadela ao municipio, e a presenza de animais como ovellas, patos, burro e tenreira, que achegan de forma desinteresada as preto de 40 persoas que participan neste Belén Vivente, no que, como todos os anos, un dos puntos de atracción será o portal, no que o neno Xesús será, como vén sendo tradición, un bebé veciño de Gondomar e que naceu recentemente.
O pequeno estará flanquedado por María e San Xosé, personaxes que representarán os seus propios proxenitores, que representarán o seu papel durante toda a xornada.
“É moita a expectación que esperta este Belén e centos as persoas que se achegan cada ano para visitalo e que terán a oportunidade de volver facelo este”, afirma o rexedor Paco Ferreira quen convida a todos “a pasear polas rúas do noso particular Belén que non deixa a ninguén indiferente”.

