A Xunta mantén o complemento de 206 € ás galegas e galegos coas pensións máis baixas

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

A Xunta de Galicia volverá aboar un complemento económico para as galegas e galegos que teñen unha pensión non contributiva, perciben axuda do Fondo de Asistencia Social ou son perceptores do subsidio de garantías de ingresos mínimos. O Consello da Xunta deu luz verde hoxe a esta axuda extraordinaria que recibirán arredor de 38.500 persoas nos primeiros dez días do mes de xaneiro e cuxa contía ascende a 206 euros por beneficiario.

O Goberno galego investirá cerca de 8 millóns de euros nesta achega de carácter social que beneficia un colectivo que o necesita moi especialmente ao ter un reducido nivel de ingresos. Este complemento ingresarase de oficio nun pagamento único mediante transferencia bancaria, sen necesidade de solicitalo nin levar a cabo ningún trámite adicional.

Un ano máis, o executivo autonómico mantén esta axuda como mostra do seu compromiso de apoiar as familias e persoas con menos recursos, unha vontade que se volve plasmar nos orzamentos de 2020, que inclúen unha partida económica que garante a continuidade deste complemento.

Anuncios