
A Apalpadora e O Apalpador visitarán un ano máis 36 concellos da provincia de Pontevedra para encher de ilusión e soños a todas ás súas crianzas. A xira desta figura tradicional galega e a súa versión feminina comezará o 20 deste mes e finalizará o día de Fin de ano levando a música, o baile e as anécdotas a tódalas comarcas.
Esta actividade organízase por quinto ano consecutivo ao abeiro do programa “Nadal en Galego” do servizo de Lingua. A deputada nacionalista de Lingua, María Ortega, destacou a importante transmisión de valores que realizan Apalpador e Apalpadora en relación á transmisión oral do rural, á dinamización do idioma, á posta en valor do monte e o respecto polo medio ambiente, ao coidado do ecosistema e das especies autóctonas evitando os incendios, así como ao traballo transversal en materia de compostaxe, reciclaxe e hábitos saudables.
As figuras do Apalpador e a Apalpadora irán acompañadas de música, refráns, anécdotas e bailes, así como dun burro de madeira que farán que crianzas e maiores gocen dun momento alegre, entretido e proactivo propio do Nadal galego.
As actuacións repartiranse entre o día 20 e o 31 de decembro –a excepción do día de Nadal- en diferentes horarios e localizacións, preferentemente en lugares ao aire libre se o tempo acompaña. Na comarca de Pontevedra serán cinco as visitas (Pontevedra, Barro, Ponte Caldelas, Campo Lameiro e Poio), na comarca de Vigo outras cinco (Oia, Soutomaior, Baiona, Gondomar, e O Porriño), na comarca do Salnés serán seis (Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía, O Grove, Sanxenxo, e Ribadumia), na comarca do Deza-Tabeirós catro (Cuntis, Lalín, Silleda, e Rodeiro), cinco na comarca do Condado Paradanta (Mondariz, As Neves, Covelo, Ponteareas, e Mondariz Balneario), catro na comarca do Morrazo (Bueu, Moaña,Cangas, e Vilaboa), tres na comarca de Caldas (Caldas, Valga e Catoira) e catro no Baixo Miño (Salceda, Tomiño, O Rosal, e Tui).
A pesares de que este ano se repetiu o número de municipios que contarán co Apalpador e a Apalpadora, a deputada María Ortega convidou ao resto dos concellos a amosar interese por esta figura e solicitar tamén as actuacións, xa que a Deputación está disposta a ampliar o seu percorrido.
Ortega destacou que galegas e galegos “debemos estar orgullosas das nosas tradicións e do que somos como país”, rexeitando as críticas verquidas contra os concellos que apostan por achegar o Apalpador ás e ós máis novos. Destacou que é fundamental “saber convivir e non rexeitar nada –en relación a outras figuras destas datas- sobre todo porque estamos a falar dunha poboación –as nenas e nenos- que viven de soños e ilusión, e non se lles pode prohibir e afastar desa ilusión e da creatividade que implica”. Ortega, de feito, reflexionou asegurando que ogallá todos os detractores desta figura “puideran volver á infancia e gozar dela”.
O programa “Nadal en Galego”, insistiu a deputada, está concibido para fomentar transversalmente o uso e dinamización do galego, os valores ligados ao medio ambiente, e o coñecemento da tradición de Nadal para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, “O Apalpador” representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o ventre das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas e desexos de felicidade e comida.