O PP considera un “retroceso” e unha “irresponsabilidade” que Baiona renuncie ás bandeiras azuis

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Praia da Ribeira.

O PP de Baiona tacha de “retroceso” e “irresponsabilidade” a decisión do Alcalde, o socialista Carlos Gómez, de non solicitar a ADEAC as bandeiras azuis para as praias do municipio, “un distintivo que ao longo das últimas tres décadas situou a esta localidade costeira como un dos principais referentes turísticos de prestixio”. Precisamente, pola importancia que estes galardóns teñen para o turismo e a actividade económica local durante a tempada estival o portavoz do grupo municipal popular, Ángel Rodal, considera esta decisión unha “incompetencia” do rexedor que demostra “o pouco que coñece Baiona” e “o pouco que lle importan os veciños de Baiona”, en relación aos prexuízos económicos que pode supoñer para os hostaleiros e comerciantes prescindir dos distintivos.

A confirmación de que Baiona non encabezará a listaxe de municipios con máis bandeiras azuis o próximo verán chegou da boca do propio Gómez tras ser preguntado polo portavoz popular sobre esta cuestión no último pleno do mes de decembro, mes no que termina o prazo para presentar os informes de cada unha das praias para as que se demanda a bandeira. “Tiñamos sospeitas pero agora, lamentablemente, xa temos a confirmación”, testemuña Rodal quen reclama ao rexedor e tamén edil de Turismo que “explique a todos os baioneses este deixamento de funcións inxustificable debido a que solicitar os galardóns azuis non supón nin un só euro ás arcas públicas”.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, Baiona podería ter o próximo ano 5 bandeiras azuis pola calidade “excelente” das súas augas que testemuñan as análises favorables realizadas durante o trimestre estival de 2019 cando Gómez devolveu todas as bandeiras por falta de socorristas. “O que tería que facer un Alcalde serio e responsable é buscar fórmulas para conseguir maior oferta de socorristas, por exemplo esixir á presidenta da Deputación, tamén do seu partido, que cre cursos de formación para garantirlle aos municipios que terán seguridade nos seus areais e evitar que teñan que renunciar ás bandeiras. Con todo, o Sr. Gómez preferiu optar polo camiño máis fácil e cómodo para el e para a Sra. Silva”, opina Rodal.

Desde o PP lembran ao máximo responsable do tripartito de Baiona que unha bandeira azul é máis que un anaco de tea desta cor outorgada pola ADEAC a través dunha solicitude voluntaria por parte da administración local, trátase dunha garantía de calidade, educación, xestión, seguridade e información ambiental. En definitiva, unha “certificación” de que Baiona reúne desde hai máis de dúas décadas todas as características para ser un municipio “felizciudad” froito do traballo e o compromiso co coidado do medio ambiente dos gobernos locais xestionados polo PP desde hai case dúas décadas “e que agora este tripartito quere destruír en menos de seis meses”.

Quality Coast Gold Award próximo obxectivo a destruír?

Baiona foi o primeiro municipio de Galicia en recibir o Quality Coast Gold Award en 2013 entre 1000 municipios candidatos. Trátase dun premio internacional que distingue a calidade ambiental e costeira para un turismo sustentable. Ademais, en 2019 foille concedido en Berlín a honra de atoparse entre os 100 destinos sustentables do mundo dentro do selo de “Mellor Destino Costeiro” outorgado na Feira Internacional de Turismo. Esta marca leva consigo o cumprimento de cinco criterios que baixo o mandato de tripartito están en “crise” como son o coidado da natureza, o medio ambiente, a identidade e a cultura local, a atención ao turismo, os negocios, a hospitalidade da poboación e a seguridade de residentes e visitantes.

“Para Baiona este tipo de galardóns internacionais son fundamentais de fronte ao turismo estacional pero tamén institucional e de negocios, custou moito alcanzar este nivel e moito temémonos que quen tanto proclaman defender a igualdade de persoas, a seguridade e a conservación do medio ambiente son os mesmos que cando hai que demostralo prefiren meterse as mans no peto e mirar para outro lado”, critica Rodal.

Anuncios