O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración como iniciativa empresarial prioritaria o centro de investigación avanzada (e-Mobility) de Borgwarner, no concello de Nigrán, ao que a empresa destina un investimento inicial de 12 M€ -a Xunta achega 5 M€ a través da liña de axudas de centros de investigación empresarial-.
Trátase dun centro de excelencia enfocado á investigación de tecnoloxías avanzadas para a industria do futuro incluíndo a electrónica e solucións de xestión térmica para vehículos eléctricos. O obxectivo deste centro é converterse nunha planta piloto para probar novas tecnoloxías e, para conseguilo, é necesario dotalo de novas instalacións con novos equipos e laboratorios de investigación.
O proxecto busca dar continuidade ao traballo de I+D+i que está a facer a empresa promotora en Galicia, onde conta co Centro Técnico de Vigo (Spain Technical Center- STC), dividido en dúas áreas de traballo (liña de xestión de gases de escape e liña de electrónica de potencia) e co eSTC–Spain Technical Center in electronics (equipo de soporte da liña electrónica de potencia), localizado no Centro de Negocios CZFV en Nigrán. A empresa leva investidos 8,5 millóns de euros en I+D+i na Comunidade Autónoma, dando lugar á creación de 60 patentes e oito deseños industriais.
O proxecto cumpre cos requisitos para recibir esta declaración: supera o volume de investimento mínimo fixado nun millón de euros (en concreto, serán 12 M€); ademais complementa cadeas de valor ou pertence a sectores estratéxicos como, neste caso, a automoción.
A nova declaración aprobada no Consello da Xunta enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Así, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade. Neste caso, ademais, contribuirá a fixar poboación no rural.

