Nigrán, á espera de Patrimonio para continuar coa tramitación do PXOM

O plan urbanístico de Nigrán cumpre un ano de paralización despois de que o Concello enviase a documentación requirida á Dirección Xeral de Patrimonio en decembro de 2018. Polo momento continúan á espera de que o organismo dependente da Xunta déalles luz verde para continuar co procedemento que lles permita dotar ao municipio dun Plan Xeral de Ordenación Municipal. Mentres tanto a configuración do territorio continuará rexéndose polas Normas Subsidiarias de 1991, cuxo artigo 25 foi modificado hai tan só dous meses.

Aínda que é certo que as administracións contan cun prazo para contestar, neste caso de tres meses, o alcalde Juan González explicou que prefiren ser cautos ante a posibilidade de que invaliden todo o traballo efectuado a partir das correccións realizadas polo equipo redactor de Alfonso Botana SL, posteriormente enviadas a Patrimonio a finais de 2018. “Temos que ter paciencia porque no momento que recibamos o informe temos a certeza de que nos poden botar o traballo por terra”, explicou González.

Coa nova paralización, neste caso debido á lentitude de tramitación da Xunta, un novo obstáculo volve cruzar no camiño da aprobación definitiva do documento urbanístico que novamente dilata os prazos de entrada en vigor facilitados en agosto de 2018 desde o consistorio nigranés. Todo apunta a que a localidade miñorana non poderá “presumir” de PXOM a curto prazo e polo momento o rexedor preferiu non inclinarse por un período de finalización concreto.

20 anos de PXOM

O documento comezou a redactarse fai xa preto de dúas décadas cunha desafortunada sucesión de empresas, o que provocou unha substitución que se repetiu ata en tres ocasións. A primeira delas foi Oficina de Planeamiento que estivo seis anos á fronte do mesmo, ata que se produciu un conflito que desencadeou unha liorta multitudinaria ás portas do consistorio que catapultou a Nigrán aos principais medios de comunicación nacionais. Posteriormente, en 2007, Arnaiz Tinsa tomou as súas rendas e conseguiu levalo a aprobación inicial durante o mandato de Alberto Valverde, aínda que finalmente a entidade foi absorbida por unha multinacional chinesa que provocou unha nova paralización e en abril de 2018 Alfonso Botana continuou coa súa elaboración ata a actualidade.

A pesar de que desde o consistorio aseguran que o PXOM se atopa nunha fase moi avanzada aínda ten que esperar polos informes favorables de Medio Ambiente, Dirección Xeral de Costas, Axencia Galega de Infraestruturas, Augas de Galicia e Portos do Estado. Un camiño que polo momento está paralizado á espera de Patrimonio comunique o seu.