Campaña de recollida de alimentos de Nadal nos colexios de Gondomar

O grupo de voluntarios/as que todo ano colabora co goberno local de Gondomar, a través da Concellería de Benestar Social, na distribución de alimentos entre as persoas que se atopan nunha situación económica difícil, poñen en marcha unha recollida moi especial.

Trátase, ao mesmo tempo, de fomentar a solidariedade entre as novas xeracións recollendo entre o 2 e o 11 de decembro, nos distintos centros educativos de Gondomar, produtos típicos do Nadal para que nas festas, que estamos a piques de comezar, todos e todas poidan desfrutar deles nas súas mesas.

Os voluntarios xa pasaron polo CEIP Xosé Neira Vilas de Peitieiros, o CEIP Souto Donas, o CEIP Serra Vincios e o CEIP Chano Piñeiro, e a próxima semana estarán no IES Terra de Turonio, no IES Auga da Laxe e nos CRA Antía Cal de Vilaza, Chaín, Guillufe, Peitieiros e Couso.

A recollida e posterior reparto dos alimentos recollidos coordinarase polo departamento de Benestar Social.

Anuncios