Broken Peach e Peter Punk protagonizarán o acendido de Nadal de Nigrán

O Concello de Nigrán celebra este venres 6 de decembro a festa de acendido das luces de Nadal coas actuacións de Peter Punk ás 17:30 e o concerto de Broken Peach ás 19:00 na Praza do Concello. Entre un espectáculo e o outro, o alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado do presidente do Círculo Social Val Miñor en Bos Aires, Alberto Lloret, será o encargado de premer o botón que dé comezo ao Nadal en Nigrán.

“Quixemos que a festa tivese un carácter familiar, o humor de Peter Punk gusta a nenos e maiores e Broken Peach son unha banda xa de referencia en Galicia que, polo seu repertorio atemporal, gusta a público de moi diferentes idades”, sinala González, quen incide en que, precisamente, premerá o botón de acendido Alberto Lloret como sinal de afecto do Concello de Nigrán a todos os seus veciños que residen fora do país.

O nigranés Isaac Rodríguez Miranda, Peter Punk, é un dos clowns de referencia en Galicia, novamente regresa á festa do acendido para divertir a nenos e maiores co seu humor traste e fresco sen comparación. O personaxe que encarna é un neno chegado do país de Nunca Máis que se resiste a medrar, un pallaso pillabán e irreverente que xa ten percorrido rúas, prazas e escenarios de toda a Península e máis alá, ata acumular máis de 1.000 funcións nas que espallou risos e tartazos solidarios mesmo en Palestina ou Idomeni.

Broken Peach, composto por catro voces femininas e batería, baixo e guitarra/piano, podería dicirse que é un espectáculo musical para nenos e maiores caracterizado polo eclecticismo musical, xa que viaxa desde o soul ata o rock, pasando polo gospel, funk, pop, etc. De estética elegante á par que extravagante, nesta cita en Nigrán traerán panxoliñas universais como “Jingle Bells”, “All I Want for Christmas Is You” ou “Girls Just Want to Have Fun” e versións de temas clásicos do soul, rock, pop… Todo interpretado dende o seu particular prisma que mestura música e espectáculo. “Creamos para Nigrán un show no que van a gozar tanto os nenos coma os maiores”, finalizan.

A programación de Nadal continúa o sábado ás 17:00 horas cun Bingo Solidario no Auditorio Municipal (para participar é preciso aportar alimentos non perecedoiros) e posterior concerto de Argonat Band ás 20:00 horas. Xa o domingo, no Templo Votivo o Concello ofrece ás 20:00 horas o concerto de “I Bimbi Appasionati” e o grupo de música antiga “I Colori dell’Armonía”.

Anuncios