Obradoiros “Desenrolo dunha Jam” e “Improvisación Teatral” na Asociación de Danza de Gondomar

A Asociación de Danza de Gondomar leva dende 2016 organizando distintos obradoiros e Jams de danza mensuais impartidos por distintos/as profesionais da danza a nivel nacional e internacional. No mes de febreiro propoñen o sábado 9 (10:00 a 13:00 / 13:00 a 15:00) e o domingo 10 (10:00 a 14:00 / 17:00 a 20:00) un titulado “Técnica de contacto improvisado, Desenrolo dunha Jam”, impartido por Leodan Rodríguez. Tratará sobre a importancia do peso e masa no traballo do contacto; o estudo dos eixos imaxinarios interno externo, indo do lineal ao redondo; o control do centro para chegar ao espazo esférico; o traballo de manipulación e escoita da motricidade; e a exploración na improvisación e o continuo comunicado a dar e recibir.

Ademais, dende 2018 tamén organiza obradoiros de improvisación teatral, que se levarán a cabo durante todo o ano a terceira fin de semana de cada mes. En febreiro será o sábado 23 (11:00 a 14:00 / 16:00 a 19:00) e o domingo 24 (11:00 a 14:00 / 16:00 a 19:00), impartido por Dani Blanco. Abordará a creatividade: aprenderán a destrabar a imaxinación e a construír a partir do erro; o traballo en equipo: reducir medos, crear sobre ideas, non xulgar, cooperar, resolver problemas, traballar cara un mesmo fin, e divertirse; e a comunicación: explorar o idioma corporal, a toma de conciencia, a escoita, a espontaneidade, a asociación libre, o contacto visual, e o xogo.

O prezo do obradoiro “Desenrolo dunha Jam” é de 15 euros o domingo de tarde, 35 euros o sábado e o domingo de mañá e de 40 euros completo. O prezo do obradoiro de improvisación teatral é de 45 euros. Máis información e inscricións no teléfono 671 695 980 ou no correo electrónico asocdanzagondomar@gmail.com.