A Praza da Paradela acolle este venres o I Rastro Familiar de Gondomar

Un total de 14 postos conformarán o primeiro Rastro Familiar que se vai a celebrar en Gondomar o vindeiro venres, 6 de decembro, na Praza da Paradela. Organizado pola Concellería de Comercio e Turismo nace co fin de “celebrar un día de encontro familiar, á vez que se fomenta a reciclaxe ou o troco e serve de reclamo turístico”, segundo recollen as bases.

Entre as 11:00 da mañá e as 20:00 horas, os ocupantes dos postos poñerán á venda artigos nun mercado que lles brinda a oportunidade de poder sacar á rúa todo aquilo que non utilizan nas súas casas e si podería servir a outras familias.

Durante toda a xornada desenvolveranse actividades paralelas pensando en quen se achegue a pasar o día en Gondomar, e naqueles que decidan visitar os postos do Rastro. Así, a partir das 12:00 horas do mediodía os personaxes do circo ocuparán a Praza de man do integrantes “Sarao Animación”.

Entre as 17:00 e as 19:00 horas pensando nos máis pequenos/as haberá unha sesión de cantaxoegos, baile e tamén globoflexia, á que se poñerá un punto e final cun photocall preparado para a ocasión.

Anuncios