Gondomar, sen pleno en novembro

O pleno dunha corporación municipal é a expresión máxima da vontade popular e da cidadanía dos concellos do País. En consecuencia (así é recoñecido pola Lei) é o foro aberto onde os representantes máis achegados á veciñanza do concello (os concelleiros) poden fiscalizar o labor do goberno municipal, presentar iniciativas para mellorar as condicións de vida da veciñanza, abrir debates de interese xeral, preguntar, etc.

“Incluso é o lugar máis axeitado para que os propios veciños poidan participar directamente naquelas cuestións do seu interese, como tamén recolle a Lei, e que no caso de Gondomar nin Paco Ferreira nin o PSOE queren implantar. Téñenlle alerxia a falar coa veciñanza organizada e por sio rexeitan a democracia participativa aprobando o Regulamento de Participación Veciñal”, lamenta Antonio Araújo.

O Pleno de Organización celebrado o pasado 10 de xullo deste ano, e de acordo co Regulamento Orgánico de Concello, acordou que a celebración dos plenos ordinarios da Corporación Municipal de Gondomar serían o primeiro xoves de cada mes, como así leva establecido dende hai máis 25 anos.

“Pois ben, o alcalde Paco Ferreira, facendo uso da súa habitual prepotencia e desprezo polas normas que non lle gustan, decidiu “prescindir” do pleno do mes de novembro sen tan sequera dar explicacións ou convocar aos voceiros do grupos municipais. Por non falar que neste mandato nin un só Pleno foi no día que marca o devandito acordo plenario e o Regulamento Orgánico”, recorda Araújo.

Para Manifesto Miñor-En Marea trátase dun feito gravísimo que vulnera as normas establecidas de común acordo e despreza á cidadanía de Gondomar, impedindo o control democrático do Goberno Municipal e a presentación de propostas por parte dos grupos da oposición. “Sabemos que se trata dunha argucia do Sr. Ferreira e do PSOE para eludir o control democrático do seu goberno, máis preocupado polo lucerío de Nadal e polas festas sen control, que polas necesidades reais da xente de Gondomar. Se o Sr. Alcalde pensa que con semellante estratexia vai impedir o traballo de MM-EM, alterando a busca de información (ao non haber plenos carecemos de actas plenarias, de xunta de goberno, etc), rompendo a rutina dos nosos traballos coa convocatoria de “plenos sorpresa” fóra de día, etc, está equivocado. Simplemente está obrigándonos a duplicar esforzos”, advirte Araújo.

“Paco Ferreira e o PSOE deberán explicar como é posible que un goberno municipal con maioría absoluta e onde cobran dedicacións exclusivas 7 concelleiros de 9, non son quen de xerar expedientes ou propostas para levar ao pleno… En todo caso se eles non teñen iniciativa, na oposición si a temos. Agora xa non hai desculpas para traballar non a quen lle botar a culpa. Como queira que estamos diante dunha situación que consideramos grave e que vulnera os dereitos dos grupos municipais da oposición e dos concelleiros (non hai democracia sen control democrático), M.M.-E.M. solicitaremos amparo á Valedora do Pobo e presentaremos unha queixa formal sobre esta situación que nunca antes se dera en Gondomar. Que non pense Paco Ferreira e o PSOE que as maiorías absolutas son unha “Patente de Corso” pra facer o que lle dea gana”, conclúe Araújo.