Os xubilados do Val Miñor reclaman a gratuidade do transporte público para este colectivo

Este xoves, unha comisión de Modepen Val Miñor acudiu a unha entrevista co Xefe Territorial de Mobilidade en Pontevedra para abordar as súas inquedanzas ante o anteproxecto de explotación do transporte na comarca e manifestar o seu apoio ás alegacións presentadas pola Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar. Ademais entregaron o seguinte escrito:

Expertos internacionais que participan no IPCC auspiciado pola ONU, e moitos outros, alértannos da importante contribución (25%) que os medios de transporte, nomeadamente os particulares, teñen na emisión de gases de efecto invernadoiro.

Semella entón racional que as administracións públicas adopten políticas tendentes a diminuír esas emisións. Por iso o fomento e mellora dos medios de transporte públicos; do seu uso e as medidas que faciliten a mobilidade en xeral, é hoxe una necesidade perentoria.

Por iso embarcada Galicia no proceso de renovación das concesións de liñas de
transporte público para os próximos anos, a organización do Val Miñor de MODEPEN (Movemento galego pola defensa das pensións públicas) quere expoñer as súas demandas nun asunto que nos afecta tan de cheo.

Os xubilados non queremos, nin debemos ser, os condenados a paliar as deficiencias en garderías, medidas de conciliación laboral e familiar, salarios precarios, transportes públicos etc.

Nese camiño consideramos imprescindibles as seguintes medidas:

1) Mellora xeral dos servizos.
– Autobuses máis modernos e menos contaminantes.
– Establecemento de frecuencias que aseguren a comunicación cos centros de
traballo, sanitarios, etc.
– Aumento de frecuencias os sábados, domingos e festivos.

2) Mellora da intercomunicación do Val Miñor con outras comarcas e medios de
transporte: tren, aeroporto,etc. A través da cabeceira de comarca (Vigo).

3) Establecemento de liñas locais que permitan a comunicación interparroquial e entre os concellos da comarca.

4) Que as novas concesións atendan á necesaria comunicación con centros sanitarios (Álvaro Cunqueiro), Universidade e demais centros de ensino.

5) Como medidas máis específicas para o colectivo de persoas xubiladas:
– Posta en marcha dun sistema de tarxeta ou bonos que permitan a gratuidade no uso so transporte público.
– Obrigación de que os autobuses estean dotados dos medios necesarios (plataforma baixa…) que permitan o uso doado para persoas maiores ou con mobilidade reducida.

6) Sistema eficaz de vixilancia e control de que as empresas cumpren as condicións
baixo as que se lles outorga a concesión.

Finalmente e pensando na importancia que pode ter para mellorar a mobilidade e
mesmo a interconexión entre os concellos do val, reclamamos a urxente finalización da beirarrúa peonil e ciclista entre Gondomar e a Ramallosa:

1) Retirada dos postes de luz, tendido eléctrico, etc, que dificultan ou imposibilitan a
Marcha.

2) Axeitada continuidade da senda nos cruces de estradas.

Anuncios