A implantación de fibra óptica chega por vez primeira a Chandebrito

oznor

O Concello de Nigrán está a colaborar coas diferentes teleoperadoras na implantación de fibra óptica nas zonas con peor cobertura de internet co obxectivo de que a finais de 2020 sexa unha realidade en todo o municipio. Froito desa colaboración a fibra está sendo instalada por vez primeira na parroquia de Chandebrito, concretamente nos barrios de A Igrexa e Tomadas, onde gozarán desta conexión de alta velocidade antes de que remate o ano. Paralelamente, o Concello está a negociar coas teleoperadoras o plan de ampliación 2020 que aspira a deixar cuberto o 100% do territorio, xa que só faltarían determinados barrios de Camos, Parada e Chandebrito e menos dun 10% no resto da localidade. Esta continuidade nos traballos de implantación de fibra realizaranse unha vez se resolva o concurso público estatal de telecomunicacións 2020 para dotar de rede de banda o territorio.

“Somos conscientes de que é un tema vital para a veciñanza e de que temos que loitar para que as teleoperadoras rachen coa fenda tecnolóxica que existe entre o urbano e o rural. Hoxe en día internet supón o cordón umbilical do progreso e as parroquias do interior de Nigrán teñen que estar subidas a ese tren, non poden seguir no século XXI con velocidades efectivas menores de 1 MG”, indica o alcalde, Juan González.

Ao longo de 2019 a fibra foi instalada en A Tarela e Telleira (Nigrán); Bouzavella, Gaifar, Madorra, Paraviñabal, Patos, Porqueira, Xermaña (Panxón); Con e A Carrasca (Parada); Abetos, Albores-Grande, Rouxo, Sanroman (Priegue); Cabreira, Cotros, Golada, Mallon, Praia America, Tomadas, Vilariño De Abaixo, Viso, Xesteira, Area, Monte Lourido (San Pedro); e núcleo da rúa San Roque, Xuncido, Balinfra e A Cruz (Camos). A propia contorna da Casa Consistorial foi cableada recentemente, polo que os usuarios de todas estas zonas xa a poden solicitar o servizo se é que non o están a recibir. “Moitas veces os propios veciños interesados descoñecen que teñen a opción de conectarse mediante fibra porque a propia base de datos das teleoperadoras non está actualizada oficialmente e, polo tanto, non se lles informa correctamente”, incide o rexedor, quen engade que antes de fin de ano teñen a obriga de dispor de toda a información precisa ao día.

A fibra óptica é un fino fío de vidro ou silicio fundido que conduce a luz. Permite a transmisión dos datos de forma moi rápida porque se fai a través de impulsos de luz e é moi estable porque non se ve afectada por interferencias. A fibra óptica permite conectar simultaneamente varios dispositivos a Internet sen que haxa percepción de perda de velocidade. Ademais, permite utilizar sistemas de emisión e recepción de vídeo e voz con alta calidade de son e imaxe e permite ver televisión de alta definición (HD) por Internet. A velocidade máxima que pode contratarse en ADSL é de ao redor de 30 Mb. mentres en fibra óptica comercialízanse velocidades de ata 300 Mb.

Anuncios