Noel Martín buscará vitorias co Vigo-Rías Baixas no seu camiño a Tokio 2020

Un dos corredores con mellor palmarés da categoría Elite incorpórase ao Vigo-Rías Baixas. Noel Martín será a próxima tempada unha das referencias da estrutura presidida por José Luis Chamorro. O ex profesional abulense defenderá as cores do conxunto olívico no seu camiño cara a Tokio 2020.

Xunto ao seu compañeiro Adolfo Bellido, a terceira fichaxe do Vigo-Rías Baixas forma un tándem que aspira ao máximo nos Xogos Paralímpicos. Este ano conseguiron a medalla de prata no Campionato do Mundo de Ciclismo Adaptado disputado en Holanda, un éxito que Noel Martín engadiu ao Mundial logrado en 2014, ao subcampionato de 2015 e ao cuarto posto asinado nos Xogos de Río.

Para chegar no mellor estado de forma posible á cita de Tokio, que se celebrará a finais de agosto, o ciclista de Ávila aposta por competir no calendario amateur de estrada ás ordes de Marcos Serrano. “Estarei ao dispor do equipo para o que necesite e, por suposto, tentarei axudar a conseguir vitorias, xa sexa levantando eu os brazos ou traballando en favor dalgún compañeiro do Vigo-Rías Baixas”, apunta este Enxeñeiro Técnico Industrial.

Noel Martín está afeito gañar. O seu rendemento como sub-23 abriulle as portas en 2010 do pelotón profesional nas filas do Orbea. Unha vez finalizada esa etapa de dous anos, recualificouse amateur e non tardou en aumentar unha nómina de triunfos que non deixou de engordar desde entón. Sirvan como exemplo as catro vitorias rubricadas este ano en probas puntuables para a clasificación estatal: Trofeo San José – Iberdrola, Gran Premio Cuéllar, Trofeo Olías Industrial e a segunda etapa da Volta a Ávila.

A piques de cumprir 30 anos, confesa que ten “unha espiña cravada” co Campionato de España de Contrarreloxo Individual, que será un dos seus grandes obxectivos en 2020.

Entre todas as propostas que tiña sobre a mesa, Noel Martín decantouse pola do Vigo-Rías Baixas porque “é un equipo dun nivel alto e do que me falaron moi ben, tanto a nivel de corredores como de técnicos. Hai anos corrín unha volta con eles e deixáronme moi boa impresión. De feito, xa estiven a piques de fichar naquel momento”.

Ademais, este polifacético corredor tamén é un especialista no ciclismo de pista. En 2019 adxudicouse dous eventos da Copa de España, Valencia e Galapagar, e proclamouse campión de Castela e León na modalidade de persecución. Pertencendo ao Vigo-Rías Baixas continuará mostrando a súa destreza nos velódromos.