Baiona ultima novos pregos para sacar a concurso a xestión do Punto Limpo

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Entrada ás instalacións do punto limpo de Baiona.

Baiona traballa a contrarreloxo para ter a punto os novos pregos que lles permita sacar novamente a concurso a xestión da recollida selectiva de residuos e do punto limpo, despois de que a última convocatoria quedara deserta. Segundo explicou o alcalde Carlos Gómez, contan con telos listos para o mes próximo e flexibilizarán varios puntos dos existentes co fin de que resulte máis atractiva para os posibles candidatos que opten á oferta.

A última convocatoria realizada foi redactada durante o anterior mandato e a pesar de que o concurso saíu publicado o 14 de agosto, o documento aínda conserva a rúbrica do anterior rexedor, Ángel Rodal. Así pois a última adxudicación, de catro anos prorrogable a cinco, e cuxo prazo de presentación de ofertas finalizou o pasado 18 de setembro contemplaba unha partida inicial de 497.576,44 euros impostos incluídos, ou o que é o mesmo, 124.394,11 euros anuais. Gómez, pola súa banda, explicou que un dos puntos determinantes para que a licitación quedase sen pretendentes responde á obrigación, por parte da adxudicataria, de renovar como mínimo 111 contedores por un valor total que supera os 16.000 euros. Un feito que obrigaría ás candidatas a mellorar a cantidade e importe para obter unha mellor puntuación, o que conlevaría a redución de beneficios a final de exercicio. Outros dos elementos puntuables corresponderían ao prezo final, aumento na frecuencia de lavado de contedores e de recollida, a elaboración de campañas de concienciación ou a dotación de maquinaria de reserva.

Así mesmo desde o consistorio están a estudar a posibilidade de aumentar lixeiramente o importe inicial de saída para non ter que centrar todas as súas accións na flexibilización da adquisición, por parte das empresas, dos elementos de depositaxe de residuos. “Tras falar con varias entidades especializadas chegamos á conclusión de que o prezo de saída é moi xusto co que tocaremos varios puntos para adecualo á realidade”, explicou Gómez.

O servizo de recollida selectiva e xestión do punto limpo en Baiona foi prorrogado provisionalmente á empresa Fomento de Construciones y Contratas S.A., FCC, a finais de 2018, coincidindo coa quebra da anterior adxudicataria Soil Recorvery S.L. que tamén o prestaba en Gondomar. Un feito que conlevou a subrogación do persoal de traballadores existente naquel entón composta por un condutor, dous peóns e que na actualidade mantense sen variacións aínda que só un deles figure como indefinido.