Gondomar colabora con Proyecto Gato cunha dotación anual de 4.000 €

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e Fátima Lago Vargas, membro da directiva de Proyecto Gato, asinaron hoxe un convenio de colaboración anual cunha dotación de 4.000 euros, cantidade coa que a organización animalista fará fronte ás actividades desenvoltas ao longo de todo o ano 2019.

En total, segundo recolle a memoria, a asociación desenvolveu no Concello de Gondomar nos nove primeiros meses do ano un total de 53 intervencións, a maioría delas con gatos, e, basicamente centradas no servizo de recollida por abandono, castracións ou instalación dos chips nos animais.

Non se pode esquecer o caso de “Morgan”, un felino que debe a vida á Asociación Proyecto Gato tras recollelo gravemente ferido na parroquia de Morgadáns, con máis de 50 perdigonazos no seu interior, atendeuno e buscou un fogar de acollida. Un caso que contou coa colaboración da Policía local e a Garda Civil do municipio para a súa resolución, tras presentarse a pertinente denuncia, que finalizou coa condena do responsable da maltreita situación do animal.

Paco Ferreira lembra a importancia da implicación das administracións locais con este tipo de asociacións onde “a colaboración estreita é necesaria para cubrir obxectivos comúns que redundan en beneficio da nosa localidade, e tamén dos animais”. Nese sentido mostrou a súa disposición para manter a colaboración e “mesmo se é necesario valorar a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria”.

Así subliña o importante traballo que realizan respecto ao control de colonias felinas que poidan existir no municipio “sen esquecernos das campañas de sensibilización e concienciación social que desenvolven desde o inicio do seu labor”, fai xa máis de 13 anos.

Unha idea que subliña Fátima Lago Vargas, integrante de Proyecto Gato, que afirma que “queda moito camiño que percorrer neste sentido. O noso obxectivo é concienciar sobre a importancia da castración e o microchip nos animais” porque “é a forma de evitar os abandonos e a aparición de grandes colonias felinas nos nosos municipios”.

Agradece a colaboración do Concello de Gondomar porque “toda axuda é pouca para facer fronte aos gastos que xera a nosa actividade”. Lembra que son máis de 300 os animais que na actualidade teñen nas súas instalacións, e que, en breve poderán trasladarse á nova sede que esperan poñer en marcha en breve en Prado, na parroquia de Morgadáns.

A portavoz da Asociación Proyecto Gato e o goberno local seguirán colaborando, tal e como manifestaron, na programación de actividades que redunden nestas ideas e na consecución do obxectivo que se persegue desde a organización que é o “abandono cero”, para o que non se descartan novas campañas de información e sensibilización cidadá, entre outras cuestións.

Anuncios