Manifesto Miñor acusa ao goberno local de ter abandonados os comedores escolares

Manifesto Miñor, recollendo as queixas de moitas nais e pais usuarios do servizo de comedor escolar, instan publicamente ao goberno municipal, á concelleira responsable do servizo e ao propio alcalde, “a que se poñan a traballar xa, pois a educación, os comedores escolares e a posibilidade de conciliar a vida laboral e familiar de pais e nais debe ser unha prioridade municipal por riba da propaganda e o postureo nas redes sociais aos que nos teñen acostumados”. Ademais -continúan-, “porque son un goberno municipal moi ben pagado, cuxas liberacións nos custan a todos os os gondomarenses máis de 350.000 €/ano”.

Desde Manifesto Miñor resaltan a importancia da existencia dos comedores escolares nos centros públicos de ensino resultou ser unha conquista social de primeira orde levada a cabo polas ANPAS ao longo de moitos anos, e que demostrou ser unha peza fundamental na posibilidade de conciliar a vida laboral das nais e pais cunha atención axeitada aos fillos. En Gondomar, a maiores conseguiuse hai anos que a xestión dos mesmos pasara de ser levada a cabo polas propias ANPAS, a ser realizada polo Concello, o que permite reducir custes, maior control do servizo, etc. “Iso foi así durante a estancia no Goberno Municipal de Manifesto Miñor e grazas á preocupación e a colaboración coas ANPAS da nosa concelleira delegada do servizo, Rocío Cambra”.

“Despois das pasadas eleccións municipais e do goberno con maioría absoluta do PSOE e de Paco Ferreira, a cousa comezou a cambiar a peor malia ter un goberno municipal con 7 dedicacións de nove, entre elas a da concelleira encargada de velar polo bo funcionamento dos comedores escolares, a concelleira de Benestar Social. Como exemplo dicir, que a día de hoxe, a empresa adxudicataria do servizo e os traballadores responsables do mesmo que serven as comidas nos colexios, aínda non coñecen á devandita concelleira”, asegura Rocío Cambra.

Segundo Manifesto Miñor, esta desidia por parte da concelleira responsable e do propio alcalde, está levando a unha relaxación na prestación do servizo, e en consecuencia, ao seu deterioro no cumprimento das cláusulas do contrato, falta de persoal (escaso), ou que os lavalouzas instalados pola súa concelleira Rocío Cambra sigan sen funcionar cando están perfectamente instalados a día de hoxe (coa excepción do CEIP Chano Piñeiro).

Asemade, denuncian publicamente o incumprimento expreso do compromiso do alcalde de ampliar o comedor do CEIP Souto-Donas, que polas súas reducidas dimensións, os nexos vénse na obriga de facer dúas quedas para comer, o que xera unha evidente incomodidade no alumnado que usa este servizo tendo que xantar ás présas, etc.