
Despois de dúas semanas de paréntese, a Copa Galicia regresou nun dos circuítos con máis historia do ciclocrós autonómico. O parque de Acea de Ama acolleu este venres o III Trofeo Concello de Culleredo, unha cita organizada polo Club Ciclista Cambre e na que houbo dobre estreo triunfal nas carreiras raíñas. Saúl López (Maceda) e María Jesús Barros (Spol) conseguiron as súas primeiras vitorias da temporada.
Con máis de 300 ciclistas en liza, a nómina de gañadores da terceira xornada da Copa Galicia 2019 contou con outros trece nomes: Laura Mira (Redondela) e o gondomareño Ricardo Buba (Coruxo) en cadetes, Laura Capa (Aleata-Farto) e Miguel Rodríguez (Ponteareas, Carla Fernández (Río Miera) e Óscar Fernández (Avanza) en sub-23, Rocío Blanco (A Forna) e Andrés Calvete (Monte Xalo) en máster-30, Natalia Raña e Marcos Mayo (Noela) en máster-40, Isabel Castro (Condado Bike) e Marcial Rodríguez en máster-50 e Antonio Fernández (Cambre) nos máster-60.
O vixente campión de Galicia de cross country olímpico (XCO) impúxose con autoridade no seu debut no calendario autonómico de ciclocrós. O elite monfortino Saúl López venceu, tras 56 minutos e 18 segundos de esforzo, cunha renda de 1:42 sobre o corredor profesional de estrada Daniel López Parada (Burgos BH). Coa terceira praza fíxose Jorge Punzón (Cosmos), un resultado que lle serviu ao porriñés para desbancar do máis alto da clasificación xeral Elite ao seu veciño Jacobo Ucha (Marcisport), ausente en Culleredo.
Para a localidade pontevedresa do Porriño tamén se marchou o trofeo de gañadora na carreira Elite e Sub-23 feminina. A incombustible María Jesús Barros irrompeu na Copa Galicia 2019 anotándose o triunfo en 47 minutos e 40 segundos. A elite do Spol bateu por 55” á sub-23 Carla Fernández e outra sub-23, Zaida González (O Rosal), cruzou a liña de meta na terceira posición.
Seis novos líderes
Os puntos repartidos en Culleredo provocaron seis cambios de líderes nos rankings do certame autonómico. Ademais de Punzón, Carla Fernández situouse primeira nas sub-23, Laura Capa manda agora nas júniors, Laura Mira desfixo o empate no máis alto da táboa cadete e o mesmo fixeron Andrés Calvete nos máster-30 e Diana Blanco (Barbanzabike) nas elites. No resto de categorías mantéñense na cabeza Ricardo Buba nos cadetes, Miguel Rodríguez nos júniors, Rocío Blanco nas máster-30, Estela Lago (Bike O Facho) e Marcos Mayo en máster-40, e Isabel Castro e Antonio Sousa en máster-50.
A entrega de premios nas instalación de A Cea de Ama contou coa presenza de Miguel Suárez, concelleiro de Deportes de Culleredo; Juan Carlos Candal e Antonio Carrodeguas, en representación do Club Ciclista Cambre; e José Manuel Flores, vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo.
A Copa Galicia continuará este sábado en Ferrol coa disputa do III Ciclocrós Val de Esmelle a partir das 14:30 horas.